
A asociación GPUL anuncia unha nova edición das "Xornadas de Software Libre", reconvertidas nas "Xornadas Libres" para dar acollida a temas máis xerais e non exclusivamente relacionados co software, senón tamén con Hardware Libre entre outros.
As xornadas terán lugar na Facultade de Informática da Coruña os días 28 a 31 de marzo. Durante estes catro días, a través dun completo programa de relatorios, trataranse temas tan diversos como a introdución aos sistemas operativos libres, sistemas de control de versións, servidores web, introdución ao desenvolvemento para KDE, software libre en ONG e cooperación, …
Programa:
Luns 28 (Aula LP 2.1w -fronte á aula de graos-)
- 16:00 – Serafín Villar (GPUL): Introdución a sistemas operativos libres. Breve introdución aos distintos SOs libres que poden usarse actualmente e repaso á súa historia.
- 17:00 – Antonio Yáñez Izquierdo (FIC): O mundo BSD e a súas peculiaridades. Instalación, configuración e variantes dos sistemas BSD.
- 18:00 – Juan Quintela (FIC): Git: Control de Versións Moderno. Como cambiou o mundo dos sistemas de control de versións dende CVS.
- 19:00 – Mario Sánchez Prada(Igalia): Control de versións con git, Máis alá do commit. Uso avanzado de Git.
- 20:00 – Sergio Padín Varela (GPUL): Obradoiro de RealTimeBattle. Introdución á construción do teu propio robot RTB empregando distintas linguaxes.
Martes 29 (Aula de Graos)
- 16:30 – Francisco J. Tsao Santín (GPUL): O esquecido RFC 1855: Netiqueta. Un pequeno repaso á historia e normas de civismo nas comunicacións electrónicas.
- 17:30 – Juan Álvarez Fernández (GPUL): Como traballar na shell e aínda así divertirse. Todo e máis sobre o mundo das shells.
- 18:30 – Alejo Pacín Jul (GPUL): Fomentando a infidelidade interfactual. O amplo mundo dos contornos de escritorio.
- 19:30 – Óscar García Amor (GPUL): O teu servidor web: WordPress. Aprende a montar o teu propio servidor web con Ubuntu Server, Nginx, PHP e MySQL. Desprega o teu propio WordPress.
Mércores 30 (Aula de Graos)
- 16:30 – Gael Sánchez Rivas (LET): Software libre e planeamento urbanístico. A experiencia do SIX de A Cidade dos Barrios.
- 17:30 – Pablo Giménez Fandiño (ESF-GPUL) e Francisco J. Tsao Santín (GPUL): Software libre en cooperación. Tecnoloxías para o Desenvolvemento Humano
- 18:00 – Francisco Puga (CartoLab): gvSIG-Fonsagua. Xestión de proxectos de abastecemento de auga en proxectos de cooperación ao desenvolvemento.
- 19:00 – Xabier Rodríguez Calvar (Igalia): Reproducindo audio/video con Gstreamer cunhas poucas liñas de código. Estrutura e API de máis alto nivel de Gstreamer. Como crear unha pequena aplicación que reproduza vídeo.
- 20:00 – Mauro Silvosa (GPUL) e Emilio J. Padrón (GPUL): Documentación de alta calidade con LaTeX. Introdución a LaTeX: principais vantaxes deste sistema de edición de documentos, proporcionando varios modelos para distintos tipos de documentos.
Xoves 31 (Aula de Graos)
- 12:30 – José Millán Soto (KDE España-GPUL): Introdución á linguaxe Python. Sintaxe básica e algúns exemplos que permitan comprender esta linguaxe tan potente.
- 13:30 – José Millán Soto (KDE España-GPUL): Introdución ao desenvolvemento con Qt e KDE Development Platform. Posibilidades que ofrecen o framework Qt e a plataforma de desenvolvemento de KDE.
- 16:30 – Pablo Giménez Fandiño (ESF-GPUL): Fon FAQ: sácalle partido á túa Fonera. Repetir sinal WiFi en WiFi_Privada + WiFi_Fon.
- 17:30 – Alejo Pacín Jul (GPUL): Cacharreando con hardware libre. Breve introdución a Arduino.
- 18:30 – Sergio Padín Varela (GPUL): Torneo de RealTimeBattle. Poñendo a proba os robots de todos os que queiran participar.
- 19:30 – Óscar García Amor (GPUL): O teu servidor web: Redmine. Aprende a montar Redmine.
A asistencia a estas xornadas é complemente de balde, tan só é preciso inscribirse enviando un correo electrónico a info@gpul.org, indicando "[XL] Asistencia" na cabeceira e incluíndo o nome completo no corpo do mesmo, co fin de poder estimar a asistencia ao evento e o aforo necesario.
Así mesmo, dende GPUL informan que todas aquelas persoas que queira un certificado de asistencia, deben enviar os seus datos persoais (Nome completo, DNI e Se é socio ou non de GPUL) a info@gpul.org, indicando "[XL] Certificado de asistencia" na cabeceira.
Dende aquí animámosvos a que asistades a estas interesantes xornadas e que colaboredes na súa difusión para chegar ao maior número de xente posible.
Esta actividade forma parte do plan de actividades da asociación GPUL ao abeiro do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Xunta de Galicia incluído no Plan de Acción FLOSS do ano 2011.
