A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa durante os meses de verán con varios cursos para nenos. A inscrición pode facerse chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).

Cursos para menores de idade
Entre o 27 de xuño e o 18 de xullo haberá formación con scratch. Scratch é unha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pé a que se adentren na robótica educativa. Diríxese á rapazada de entre 8 e 12 anos, e desenvolverase os martes de 10:00 a 12:00 horas.
Para os adolescentes de 12 a 16 anos haberá un curso de edición de imaxes, son e vídeo, que se impartirá do 28 de xuño ao 26 de xullo; os mércores, de 10:00 a 12:00 horas. Nel a rapazada aprenderá dende crear e editar imaxes ata fotomontaxes, así como a editar son e montar vídeos. Empregaranse ferramentas como GIMP, Audacity e OpenShot.
Todos os menores de idade que queiran participar en calquera dos cursos deben estar rexistrados previamente na rede CeMIT. A inscrición pódese facer premendo nesta ligazón ou presencialmente, no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns.