Aplicacións de software libre para usuarios de a pé: revelado de imaxes RAW con Darktable

Martes, 22 Marzo 2022
#Aplicacións de software libre para usuarios de a pé #artigo TIC #Darktable

Revelado dixital

Á hora de operar con cámaras fotográficas, existen dous xeitos de traballar, pódese usar o formato en cru (coñecido como RAW) da propia cámara ou pódese traballar cun formato xa procesado (jpg ou png).

Traballar directamente co formato jpg é máis rápido e sinxelo, pero estase a perder información de cada toma fotográfica. Á hora de manipular ou mesmo visualizar as fotografías en formato cru, necesítase un software especial para realizar o revelado dixital que sexa capaz de interpretar o formato RAW e exportalo ao formato de imaxe desexado.

A única pega é que neste formato RAW, os arquivos ocuparán moito máis espazo nas tarxetas de memoria. No formato jpg as imaxes terán un tamaño menor, a costa da compresión que lle aplica a cámara e a perda de parte da información nelas (o formato jpg é menos flexible á hora de editar as imaxes).

Darktable é unha ferramenta pensada para traballar cos formatos RAW (falamos en plural porque cada fabricante ten o seu propio formato RAW) e conseguir resultados máis profesionais á hora da edición das nosas fotografías, aínda que tamén poderemos traballar en Darktable con outros formatos como jpg ou tiff. Eso si, o resultado final exportarémolo a outro formato que non sexa o RAW de partida.

Darktable

Con Darktable dispoñemos dunha ferramenta multiplataforma, fácil de usar e potente ao mesmo tempo que xunto con GIMP, forman unha parella perfecta para ter un completo estudio fotográfico dixital ao noso alcance co que retocar e manipular imaxes.

Darktable é un programa de revelado dixital, que permite a edición non destrutiva e o retoque de imaxes. Unha mesa de luz e un cuarto escuro virtual para os fotógrafos, onde xestionar os negativos dixitais nunha base de datos.

É unha aplicación de software libre (dispoñible baixo a licenza GPL), multiplataforma (GNU/Linux, Windows, Mac OS) e que conta cunha comunidade de usuarios extensa. A interface de Darktable está dispoñible en 21 idiomas, entre eles o español.

Características destacadas:
– Posúe edición non destrutiva ao longo de todo o fluxo de traballo, as imaxes orixinais nunca se modifican.
– Procesamento de imaxes acelerado na GPU grazas á compatibilidade con OpenCL.
– Xestión profesional da cor: compatibilidade con perfís ICC incorporados para espazos de cor sRGB, Adobe RGB, XYZ e RGB lineais.
– Filtrado e clasificación avanzado: permite a procura por etiquetas, clasificación de imaxes, etiquetas de cor e moito máis.
– Formatos de imaxe soportados: importa formatos crus, de alto rango dinámico (JPEG, CR2, NEF, HDR, PFM, RAF…) e de baixo rango dinámico como (JPEG, PNG, TIFF, PPM)
– Permite o Tethered shooting (disparo e control remoto da cámara a través da interface de Darktable) con algúns modelos concretos de cámaras.
– Automatización de tarefas repetitivas: pode usarse a linguaxe Lua.

Pílula sobre Darktable

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal