A Aula CeMIT do Concello de Boiro impartirá do día 23 ao 25 de novembro, o curso de “Deseño gráfico con Inkscape”, en horario de 10.00 a 12.00 horas.
Inkscape
Inkscape é un editor libre de gráficos vectoriais con características profesionais e multiplataforma (dispoñible para GNU/Linux, Windows e Mac OS).
Os gráficos vectoriais son imaxes que están definidas mediante figuras xeométricas descritas por funcións matemáticas, polo que nos permiten redimensionar as imaxes sen perder calidade.
O formato principal que utiliza o programa é Scalable Vector Graphics (SVG), pero desde a ferramenta podemos exportar e importar varios formatos de arquivo, incluíndo SVG, AI, EPS, PDF, PS e PNG.
Ten funcionalidades moi fáciles de comprender, unha interface sinxela, soporte para varios idiomas, está deseñado para ser extensible, ademais, os usuarios poden personalizar as funcionalidades de Inkscape coas súas múltiples extensións.
Inkscape ten as ferramentas típicas dun programa de debuxo, así como o a posibilidade de traballar con capas. As últimas versións inclúen unha interface de usuario actualizada, presenta unha mellor compatibilidade con pantallas 4K/HiDPI e agora ten compatibilidade con temas.
Inkscape é unha das ferramentas libres de edición de imaxes máis empregadas.
O proxecto de Inkscape ten unha comunidade de usuarios internacional en constante crecemento e existen moitos materiais de aprendizaxe. A axuda e o soporte son proporcionados pola propia comunidade.