Empezamos coa publicación dunha serie de entrevistas e infografías que fixemos a varias persoas da comunidade de software libre, para coñecer as ferramentas que empregan no seu día a día nas súas tarefas habituais, o impacto que tivo o software libre na súa vida, consellos para empezar neste mundo e a súa relación con proxectos libres.

A primeira das entrevista fixémola a Elena Salgado, que traballa como Informática administrando o CRM dunha gran empresa:
Cales son as tres ferramentas de software libre que máis utilizas no teu día a día e para que as usas?
LibreOffice Calc para traballar con arquivos CSV, Darktable para revelar as fotografías que fago no meu tempo libre, e Inkscape para deseñar portadas de eventos relacionados co software libre nos que participo.
Que funcionalidades valoras máis ao elixir unha ferramenta de software libre?
O fácil que adoita ser atopar manuais para aprender a utilizar as ferramentas.
Coñeces algún recurso (web, blog, podcast…) que che fora especialmente útil para aprender máis sobre software libre ou descubrir novas ferramentas?
Mancomún podcast.
Cres que o software libre tivo un impacto positivo na túa vida profesional ou persoal?
Si, na miña vida persoal coñecín a moita xente relacionada co software libre que desenvolve proxectos moi interesantes e útiles para a sociedade.
Algún proxecto de software libre no que esteas especialmente interesado/a e do que che gustaría compartir información?
abeancos.gal, un catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais presentes na área da Comarca Terra de Melide. Todos eles, documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres. Feito pola Asociacion de usuarios de software libre de Melide en colaboración cos arqueologos do Museo da Terra de Melide.

Utilizas algún sistema operativo libre no teu día a día? Cal usas e por que?
Ubuntu, é sinxelo de instalar e usar, fai que o equipo arrinque e funcione moito máis rápido, o que aumenta moito a vida útil dos meus PCs.
Que desafíos enfrontaches ao adoptar ou utilizar software libre, e como os superaches?
Estaba afeita a usar software privativo coma Office ou Photoshop. Ao principio custoume un pouco afacerme aos menús pero o feito de poder obter facilmente al últimas versións animoume a continuar utilizándoas.
Que importancia das á privacidade e seguridade ao elixir ferramentas de software libre?
Que o código do software que utilizo sexa aberto é para min unha garantía.
Contribuíches algunha vez ao desenvolvemento ou mellora dunha ferramenta ou proxecto de software libre, como foi a túa experiencia?
Participei nalgún mapatón organizado por ONGs, mapeando con openstreetmap zonas do terceiro mundo para que en caso dalgunha crise humanitaria, os equipos de emerxencia poidan chegar mellor. No meu día a día tamén adoito mapear elementos patrimoniais e camiños rurais que recorro en bicicleta.
Que consello lle darías a alguén que está interesado en comezar a utilizar software libre pero non sabe por onde empezar?
A adaptación ao novo sempre é dificil, pero co software libre sempre vas atopar documentación para aprender e unha gran comunidade para resolver as túas dúbidas.
