Entrevistas a persoas da comunidade de software libre: Víctor Tilve

Luns, 22 Abril 2024
Entrevistas a persoas da comunidade de software libre: Víctor Tilve

Continuamos coa publicación dunha serie de entrevistas e infografías que fixemos a varias persoas da comunidade de software libre, para coñecer as ferramentas que empregan no seu día a día nas súas tarefas habituais, o impacto que tivo o software libre na súa vida, consellos para empezar neste mundo e a súa relación con proxectos libres.

Infografía de Entrevistas a persoas da comunidade de software libre: Víctor Tilve
Matemático, profesor de FP presencial e Universidade a distancia

A segunda das entrevista fixémola a Víctor Tilve, matemático, científico no seu tempo libre, especialista en contaminación luminosa, divulgador científico e profesor de FP presencial e da Universidade a distancia:

Cales son as tres ferramentas de software libre que máis utilizas no teu día a día e para que as usas?

– Hoxe en día uso moito LibreOffice e contornos de desenvolvemento como Netbeans porque é a base do meu traballo actual. Pero son usuario tamén doutras ferramentas como o editor de textos LaTeX ou Gimp.

Que funcionalidades valoras máis ao elixir unha ferramenta de software libre?

– O que máis valoro do software libre é a facilidade para atopar información e resolver problemas.

Cres que o software libre tivo un impacto positivo na túa vida profesional ou persoal?

– O impacto do software libre foi positivo na miña vida sempre. Non só por temas económicos, que tamén, senón porque fai posible a reutilización de hardware que o software comercial considera obsoleto, simplifica moito as condicións de acceso e uso e permite unha maior personalización e adaptación do software.

Silueta de persoas falando

Utilizas algún sistema operativo libre no teu día a día? Cal usas e por que?

– Hoxe en día uso Linux Mint porque é un SO completo e moi lixeiro. Ten un aspecto moi profesional, é moi básico e permite facer o mesmo que outros sistemas como Ubuntu ou Windows con moitos menos recursos e de xeito moito máis sinxelo.

Que desafíos enfrontaches ao adoptar ou utilizar software libre, e como os superaches?

– De entrada o software libre é máis complexo de instalar e botar a andar, mais a gran comunidade de usuarios que comparten información fai que isto non sexa xa un obstáculo para usalo.

Que consello lle darías a alguén que está interesado en comezar a utilizar software libre pero non sabe por onde empezar?

– Para comezar a usar software libre só tes que atopar o software axeitado para o que precisas e non ter medo a preguntar nin a seguir os pasos que atopes en foros e manuais aínda que non entendas de todo o que fas.

Podedes ver o resto das entrevistas nesta ligazón.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal