Mancomún

Ferrara converte os datos abertos nun ben común

Xoves, 19 Novembro 2026

O Concello de Ferrara usa datos abertos, estándares abertos e software libre para combater as olas de calor e a contaminación, e a súa aposta xa recibiu un premio.

Unha rúa estreita e pintoresca con edificios de cores cálidas, incluídos tons laranxa, amarelo e rosa, que se alíñan a ambos lados. No centro da imaxe, ergúese unha imponente torre de igrexa con arcos e columnas, destacando contra o ceo azul despexado. A escena transmite unha atmosfera histórica e acolledora, típica dun pobo europeo.

Un premio para os datos abertos

Durante a sexta edición da Asemblea Xeral de Smart Cities de Italia, celebrada en Padua en outubro de 2025, o Concello de Ferrara (na rexión de Emilia-Romaña) recibiu o premio ás Boas Prácticas. O recoñecemento premia un proxecto en marcha desde 2019 que combina datos abertos e ciencia cidadá para vixiar en tempo real a calor e a calidade do aire. Esa información axuda despois a tomar decisións de urbanismo que reduzan os riscos das olas de calor para a veciñanza.

Un val moi exposto

O val do Po (Pianura Padana) é unha ampla chaira do norte de Italia, de máis de 650 km entre os Alpes occidentais e o mar Adriático. Nel viven preto de 17 millóns de persoas, unha terceira parte da poboación italiana, incluídas cidades como Milán, Turín e Ferrara. Ser tan plano e estar nesa localización fai que sufra con especial dureza a contaminación do aire e a concentración de calor. Como sinala Alessandro Balboni, vicealcalde do Concello, estas características converten a zona nunha das máis expostas de Europa ás olas de calor e ás inundacións.

Por iso, Ferrara, en colaboración con Deda Next, apostou por tratar os datos como un ben común, co obxectivo de planificar a cidade con máis rapidez e eficacia para que sexa máis eficiente, sostible e resistente.

Estándares abertos e software libre como columna vertebral

A iniciativa apóiase en dous proxectos:

  • USAGE (Horizonte Europa): cartografou as illas de calor combinando medicións térmicas feitas ao longo do ano, en inverno e en verán, con datos históricos de imaxes de satélite da década 2013-2023.
  • Air Break: vixía a contaminación do aire con 14 unidades de control que detectan de forma continua distintos compoñentes contaminantes.

Os datos dos dispositivos de Internet das Cousas (IoT) de ambos proxectos chegan a un único servidor, construído polo instituto Fraunhofer-Gesellschaft sobre estándares do Open Geospatial Consortium (OGC). Son especificacións libres e de consenso aberto que facilitan compartir, procesar e usar datos xeográficos.

Aquí é onde o software libre e os estándares abertos se dan a man: as ferramentas de código aberto procesan e xeran os datos, e os estándares garanten que sexan interoperables, públicos e que non queden atados a unha soa plataforma nin a un único provedor. O resultado agrégase en medias horarias e publícase no portal de datos abertos e en infografías no sitio web de Air Break.

Do criterio a ciencia no urbanismo

Segundo Balboni, estes datos permiten ao Concello pasar dun urbanismo discrecional a un científico: identificar as zonas máis vulnerables e dirixir ben a intervención pública. Entre as accións do anterior mandato destacan a plantación de 15.000 árbores novas e a substitución de prazas de aparcamento por pavimento permeable. A idea é converter espazos hostís e perigosos para as persoas máis vulnerables en lugares habitables e apreciados.

Para o vicealcalde, o portal de datos abertos e o uso dos estándares OGC son un «cambio de xogo», tamén a nivel humano: ter os datos listos ao alcance permite decidir con impacto positivo real.

O consello de Ferrara a outras cidades

Federico Modonesi, responsable de TI do Concello, ten unha recomendación clara para quen queira facer algo semellante: «usade ferramentas de código aberto». Segundo explica, permiten manter os proxectos a longo prazo, sobreviven á administración que os puxo en marcha e adáptanse ás necesidades cambiantes.


Fonte: Clara Thébert, Open Source Observatory (OSOR), Interoperable Europe, 25/09/2026. Artigo orixinal

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal