Teñen os concellos galegos a mellor ferramenta para reservar unha pista de pádel ou un pavillón? Non sempre.
Para darlle unha volta a isto, AGASOL convoca o I Certame GOBTEC de Software Libre, un concurso de ideas dirixido a empresas e persoas emprendedoras de Galicia que queiran achegar solucións libres a un reto real das administracións locais. O certame está organizado por AGASOL, patrocinado pola Amtega e conta coa colaboración de Startup Galicia.

O reto: reservar un campo deportivo sen chamadas nin papeis
Moitos concellos galegos, sobre todo os máis pequenos, aínda xestionan o acceso ás súas instalacións deportivas por teléfono, por correo ou en persoa. O resultado: pouca visibilidade sobre o que está libre en cada momento e trámites de cambio ou cancelación pouco áxiles.
O certame busca unha plataforma de xestión e reserva de instalacións deportivas municipais que sexa dixital, reutilizable e accesible, e que permita:
- Consultar as instalacións dispoñibles.
- Modificar e cancelar reservas.
- Dar de alta e manter as instalacións.
- Xestionar horarios e normas de uso.
- Obter indicadores básicos de seguimento.
A solución debe ser replicable e escalable, configurable por cada municipio e preparada para funcionar en varios concellos á vez.
Requisitos técnicos: o software libre, por bandeira
As propostas deben cumprir catro condicións obrigatorias:
- Software libre cunha licenza recoñecida (OSI/FSF).
- Arquitectura aberta: aplicación web responsive e modular.
- Interoperabilidade e uso de estándares abertos.
- Cumprimento do RXPD e xestión segura das persoas usuarias.
Como extras que sumarán puntos, valoraranse os calendarios persoais, os accesos mediante código QR e a analítica de uso con recomendación de horarios.
Quen pode participar
Poden presentarse empresas, persoas emprendedoras e entidades tecnolóxicas con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, sempre que demostren capacidade para desenvolver software libre. Cada entidade só pode enviar unha proposta.
Quedan fóra as persoas físicas que participen a título particular, sen actividade económica nin proxecto empresarial. Pero hai porta aberta para quen está a piques de emprender: se aínda non tes empresa nin alta de autónomo, abonda cunha declaración responsable da túa intención de constituíla. A acreditación formal só se pedirá á entidade gañadora, antes de cobrar o premio, porque é necesaria para emitir a factura.
Unha persoa autónoma doutro sector tamén pode participar cun equipo técnico detrás, sempre que figure como entidade participante e asuma as obrigas das bases: garantir a titularidade da solución e publicar o código fonte nun prazo de 60 días naturais desde o fallo. O equipo debe aparecer co seu nome na memoria, e a cesión de dereitos de propiedade intelectual ten que estar formalizada antes de presentar a proposta. Á hora de defender o proxecto no pitch, poderá facelo calquera persoa do equipo recollida na memoria técnica.
Que hai que presentar
- Memoria técnica (máximo 10 páxinas, en PDF), preferentemente coa plantilla oficial.
- Datos de contacto da entidade.
- Opcionalmente, un mockup, prototipo ou demo funcional.
Como se avaliarán as propostas
Un xurado formado por representantes de AGASOL, da AMTEGA / GOBTEC, dun concello, de Startup Galicia e por unha persoa experta independente en software libre revisará todas as candidaturas. Valorará:
- Axuste ao problema: canto responde a proposta ás necesidades da cidadanía, do concello e aos condicionantes técnicos.
- Viabilidade de implantación: a facilidade de adopción real polas administracións locais.
- Reutilización e soberanía tecnolóxica: apertura real do código, independencia de provedor, estándares abertos e portabilidade dos datos.
Un último paso
Se tes unha solución de software libre para este reto, xa podes consultar as bases completas, descargar a plantilla oficial da memoria técnica e presentar a túa proposta antes do 19 de novembro de 2026.
Máis información: https://www.agasol.gal/i-certame-gobtec/
