Plan anual de Software Libre para fomentar o uso entre cidadáns, empresas e administracións

Luns, 8 Abril 2024
Plan anual de Software Libre para fomentar o uso entre cidadáns, empresas e administracións

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o Plan de Acción en Software Libre 2024 pra promover o uso e reutilización de software libre na administración pública; impulsar unha oferta de solucións libres e de calidade para as empresas; e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.

Portada do Plan anual de Software Libre para fomentar ao uso entre cidadáns, empresas e administracións

O plan abrangue actividades que van dende a tradución de Software Libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social, a introdución á robótica educativa con software e hardware libre ou a formación en Software Libre nas Universidades, entre outras.

Boa parte destas actuacións desenvólvense en colaboración cos principais axentes do ecosistema de software libre galego: a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL); e o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas.

Infografía do plan

Software Libre na Administración

No ámbito da administración a o Plan contempla a promoción o emprego de tecnoloxías libres en proxectos de calado e mantén o compromiso de liberación de novas solucións tecnolóxicas desenvolvidas pola administración pública galega para facilitar a súa reutilización.

A Oficina de Software Libre seguirá sendo o punto central de coordinación e dinamización de todas estas iniciativas. E tamén o punto de contacto para resolver calquera cuestión relacionada neste ámbito.

Software Libre na empresa

No ámbito empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade. O renovado servizo de proba de aplicacións na nube (apeiria.mancomun.gal), que permite ás empresas galegas acceder de balde a instalacións de proba de diferentes ferramentas de software libre para avaliar se cubren as súas necesidades, incrementará a súa oferta de solucións.

Tamén se fará especial fincapé na difusión das boas prácticas da corrente InnerSource entre as empregas galegas, co obxectivo de mellorar os seus procesos apoderándose das técnicas de xestión dos proxectos de software libre.

Software Libre para a cidadanía

Entre as actuacións dirixidas á cidadanía seguiranse potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da Rede de aulas CeMIT. O portal Mancomún seguirá sendo o punto central de difusión e información e incorpora a sección Axenda, un calendario centralizado con todas as actuacións relacionadas co software libre en Galicia.

Tamén, como xa vén sendo habitual, dende Mancomún seguiranse a impulsar diferentes actividades orientadas a poñer en valor o destacado papel das mulleres na tecnoloxía, para crear referentes que potencien as vocacións nas nenas galegas cara o ámbito tecnolóxico. Todas estas iniciativas agrúpanse baixo o lema MulleresEnTech.

Balance do Plan de Software Libre 2023

Xunto co plan 2024 publícase tamén o balance das actuacións de fomento do software libre desenvolvidas pola Amtega e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2023.

O pasado ano leváronse a cabo máis de 80 actividades en colaboración co ecosistema galego de Software Libre, nas que participaron máis de 2.800 persoas. A repercusión internacional da actividade da Oficina de Software Libre fixo que se publicase un especial sobre Mancomún no portal europeo JoinUP e varias aparicións no newsletter de InnerSource Commons.

O portal Mancomún seguiu a ser o punto de referencia sobre o software libre en Galicia, publicando máis de 400 novas ao longo do ano, artigos técnicos especializados, pílulas en formato vídeo, ou os diferentes programas do podcast de Mancomún. Renovouse o repositorio documental que conta xa con máis de 330 entradas e máis de 180 solucións TIC de software libre.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal