Proxecto Nós, recursos libres lingüísticos e dixitais

Martes, 9 Xaneiro 2024
Proxecto Nós, recursos libres lingüísticos e dixitais

Nós é un proxecto colaborativo que permitirá xerar os recursos dixitais e lingüísticos precisos para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia Artificial (IA) e Tecnoloxías da Linguaxe (TL) tales como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais en lingua galega.

Portada do proxecto Nós, vese unha rapaza usando un smartphone

O obxectivo central do proxecto é promover a presenza dixital do galego, garantindo que a nosa lingua non fique excluída dos novos desenvolvementos TIC, mediante a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade que serán postos, de xeito gratuíto e con licenzas libres, a disposición de calquera institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore o galego.

O Proxecto Nós é un proxecto da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á Universidade de Santiago de Compostela, a través de dúas entidades de investigación en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da linguaxe: o ILG (Instituto da Lingua Galega) e o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes).

Características do proxecto Nós

O equipo investigador está a traballar nos subproxectos de que consta Nós, e que se corresponden con algunhas das grandes tarefas do Procesamento da Linguaxe Natural:
– Síntese de voz
– Recoñecemento da fala
– Sistemas de diálogo
– Corrección e avaliación lingüística automáticas
– Tradución automática
– Xeración automática de textos
– Extracción de información
– Verificación de información e minaría de opinións

A adopción dentro do Proxecto Nós de licenzas libres permitirá que recursos, ferramentas e ata casos de uso poidan ser mantidos pola comunidade de software libre e tamén polas empresas, o que permitirá que a comunidade galego-falante e galego-escribente poida realizar a súa vida diaria na sociedade dixital do século XXI.

Recursos do proxecto

Parte destes recursos xa foron recopilados e publicados nesta web https://nos.gal/gl/proxecto-nos/recursos

AgasallaNós

Está en marcha a campaña “AgasallaNós”, que ten como obxectivo recoller voces a través de voluntarios, para enriquecer o recoñecemento de voz en galego. A iniciativa pretende rexistrar diferentes variedades fonéticas do galego para que as aplicacións baseadas no recoñecemento da fala sexan quen de identificar toda a riqueza da nosa lingua.

www.doagalego.nos.gal
Varias persoas usando smartphones e tablets

O obxectivo é recompilar máis de 1.000 horas de gravacións que representen diferentes idades, xéneros e variedades dialectais.

As colaboracións poden facerse a través da web https://doagalego.nos.gal/, que emprega a plataforma doutro gran proxecto colaborativo como é Common Voice da Fundación Mozilla.

Common Voice

Common Voice é unha iniciativa para axudar a ensinarlle ás máquinas como falan as persoas. Pero, para crear estes sistemas de voz, os desenvolvedores necesitan unha enorme cantidade de datos de voz.

Portada da web Common Voice

A maioría dos datos que usan as grandes compañías non están dispoñibles para todo o mundo. Por iso Mozilla creou o proxecto Common Voice (Voz Pública), co fin de axudar a que o recoñecemento da fala sexa aberto e accesible para todas as persoas.

Logo do proxecto Common Voice
Un robot

Vostede pode doar a súa voz para axudarnos a construír unha base de datos aberta de voces para que calquera a poida utilizar co fin de facer aplicacións innovadoras para os dispositivos e a Web. Lea unha frase para axudar as máquinas a aprender como falan as persoas. Comprobe o traballo doutros colaboradores para mellorar a calidade. Así de simple!

Instrucións en vídeo sobre o uso de Common Voice

Balance do Plan de Acción 2022

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2023

1 Decembro 2021 Informe

#IA #InformesDeUsoAnuais

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal