Mancomún

Suíza fai probas para mellorar a soberanía dixital

Mércores, 25 Novembro 2026
Suíza fai probas para mellorar a soberanía dixital

Un estudo da Cancelaría Federal suíza conclúe que as solucións de código aberto son «fundamentalmente viables para as funcións centrais esenciais», e abre a porta a un programa federal para impulsalas.

Suíza dá un paso máis na súa aposta pola soberanía dixital. A Cancelaría Federal publicou en agosto o informe actualizado dunha proba de concepto (PoC) que xa tiña protagonizado un artigo do Open Source Observatory (OSOR) en maio. A pregunta de partida era sinxela: pode unha solución de código aberto, baseada no navegador, ser unha alternativa real para os empregados públicos, incluso en situacións de crise?

Unha bandeira suíza a ondear en primeiro plano sobre un lago turquesa, con un pobo e montañas nevadas ao fondo.

A resposta, tras o estudo, é que si. O software libre é fundamentalmente viable para as operacións da administración federal suíza, e ofrece un «apoio fiable para procesos de negocio críticos incluso en situacións de crise». O resultado chega nun momento clave: o país está a consagrar o principio de «código aberto por defecto» na lei federal EMBAG, que regula o uso de medios electrónicos para as tarefas do goberno.

Unha proba a grande escala

Alexander Barclay, responsable de Transformación e Interoperabilidade da Administración Federal, resume a filosofía do proxecto: «a soberanía dixital non é binaria nin un estado final que se alcanza sen máis. O que queremos é garantir a creación de solucións e sistemas viables para todos os ministerios».

Para comprobalo, 172 persoas de distintos departamentos probaron a funcionalidade, a arquitectura, o funcionamento e os aspectos de goberno da ferramenta. A elixida foi openDesk, a suite de traballo soberana e de código aberto. Ademais, empregáronse Windows e Linux para verificar cuestións como o funcionamento sen conexión.

O estudo forma parte dun proxecto máis ambicioso: asegurar que a administración poida seguir funcionando se fallan os servizos proprietarios externos e, nunha segunda fase, desenvolver unha «solución sostible para o tratamento seguro de información sensible».

Que funcionou mellor

As persoas participantes valoraron moi ben:

  • O tratamento de documentos.
  • O almacenamento de ficheiros e as ferramentas de colaboración.
  • O correo electrónico e o calendario.

Tamén se probaron, a menor escala, equipos cliente con Linux. Os resultados amosan que é posible montar un posto de traballo cómodo de usar e con capacidade para traballar sen conexión, algo esencial en crises, cando o entorno proprietario habitual pode non estar dispoñible. O estudo tamén detectou algunhas limitacións que poderían frear un uso xeneralizado, pero deixa unha base sólida para adoptar o código aberto no ámbito federal.

O seguinte paso: un programa federal

Con estes resultados, a Cancelaría Federal lanzará un novo programa para levar a solución a unhas 3.000 persoas empregadas públicas da propia Cancelaría e doutros departamentos con «procesos de negocio especialmente críticos». O software libre usarase xunto co servizo actual de Microsoft 365, non en substitución inmediata.

Os datos principais:

  • Prazo: a solución estará dispoñible a finais de 2027.
  • Funcións: correo, calendario, documentos, presentacións e audio e videoconferencias.
  • Financiamento: o Parlamento suízo pagará a primeira fase, cun custo estimado de 9 millóns de francos suízos.

Ao ofrecer un sistema operativo e unha suite alternativos, Suíza leva á práctica o seu principio de «código aberto por defecto». O programa piloto marca así un paso importante cara a un plan a longo prazo que reforce a soberanía e a resiliencia da administración federal.


Fonte: Sofia Linna, Open Source Observatory (OSOR) – Interoperable Europe Foto: Thiago de Andrade en Unsplash.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal