O popular cliente de correo libre impulsado por Mozilla traballa nunha app nativa para iOS, creada desde cero, e agarda abrir as primeiras probas á comunidade nos próximos meses.

Boas novas para quen usa iPhone ou iPad e bota de menos unha alternativa libre para xestionar o correo electrónico: Thunderbird está a desenvolver a súa aplicación oficial para iOS. Despois de chegar a Android hai un par de anos, o cliente de correo impulsado por Mozilla dá agora o salto ao ecosistema de Apple. Iso si, convén ter paciencia: o que se presentou é un avance do traballo en curso, non un lanzamento.
Unha app feita desde cero
Segundo explica o equipo no blog de Thunderbird, a versión para iOS estase a construír desde cero e como aplicación nativa, aproveitando toda a experiencia acumulada coas versións de escritorio e de Android. O obxectivo é ofrecer unha experiencia rápida, fiable e coherente entre todos os dispositivos.
Polo momento, a prioridade é deixar ben asentadas as funcións básicas:
- Configuración de contas sinxela e automática, tanto para quen ten unha soa conta como para quen manexa varias, con opcións específicas para grandes provedores como Google e Microsoft.
- Sincronización en segundo plano, para que a bandexa de entrada estea sempre ao día sen esgotar a batería do dispositivo.
No apartado visual, a proposta é discreta. De momento só se amosaron o menú, a bandexa de entrada e o editor de mensaxes, cun estilo sinxelo, minimalista e moi limpo. Ao cabo, que máis lle pide un a un cliente de correo no móbil? Hai que ter en conta que nada do ensinado é definitivo, pero serve para facerse unha idea do camiño que quere seguir o proxecto.
O equipo agarda ter lista unha primeira versión para probas comunitarias nos próximos meses, aínda que polo de agora non hai unha data concreta.
Un camiño diferente ao de Android
A estratexia para iOS é distinta da que se seguiu en Android. En 2022, Thunderbird incorporou K-9 Mail, un cliente de correo de código aberto, xunto co seu principal mantedor, Christian Ketterer, coa idea de convertelo na súa aplicación para o sistema de Google. Tras un proceso de melloras de funcións e de deseño, Thunderbird para Android chegou en outubro de 2024.
Curiosamente, K-9 Mail non desapareceu: ambas as dúas aplicacións seguen dispoñibles en Google Play baixo o mesmo desenvolvedor, Thunderbird, e comparten boa parte do código. Por iso se parecen tanto, aínda que algunhas funcións, como a importación desde K-9 Mail, só están dispoñibles en Thunderbird.
A chegada a iOS forma parte dunha expansión máis ampla do proxecto. Ademais, Thundermail avanza cun acceso anticipado que inclúe correo, calendario, contactos e ferramentas como Send para compartir arquivos. Ofrécese mediante un plan de pagamento de 72 euros ao ano, con 30 GB para o correo e 60 GB para Send.
Sen dúbida, un paso máis para que o software libre teña presenza en todos os dispositivos que usamos no día a día.
