Wikipedia actualiza a interface de escritorio

Luns, 15 Maio 2023
Wikipedia actualiza a interface de escritorio

Wikipedia realiza a primeira gran actualización da interface de escritorio en máis de dez anos. Esta nova aparencia prioriza a usabilidade e moderniza a experiencia de Wikipedia, facilitando o acceso e procura a todas as persoas e a posibilidade de compartir o coñecemento.

“A actualización da interface, realizada en colaboración con persoas voluntarias de Wikipedia de todo o mundo, fará que o sitio sexa máis acolledor e fácil de usar”.
Wikimedia Foundation.

A actualización da interface de Wikipedia non elimina ningunha funcionalidade anterior.

Imaxe da nova interface da Wikipedia

Selena Deckelmann, Directora de Produto e Tecnoloxía da Wikimedia Foundation, indica que esta actualización de escritorio é unha das maiores melloras que Wikimedia Foundation está a levar a cabo para promover o acceso ao coñecemento, en liña coa misión de Wikimedia. Destácase que, as novas funcionalidades foron creadas a partir do feedback recibido, tanto de quen le Wikipedia, como das persoas que a editan ao redor do mundo. O obxectivo é satisfacer as necesidades dun público diverso pero sen perder a sinxeleza e simplicidade que caracteriza a Wikipedia.

Novas funcionalidades

  • Experiencia de procura mellorada que incorpora imaxes e descricións que fan máis fácil localizar artigos en Wikipedia. Supón un incremento do 30 % nas procuras.
  • Maior visibilidade das ferramentas de cambio de idiomas. Permite que as persoas multilingües que len e editan Wikipedia poidan atopar con máis facilidade o seu idioma preferido; así como, navegar entre máis de 300 linguas.
  • Unha nova cabeceira fixa presente en toda a navegación pola páxina. Inclúe información e ligazóns a ferramentas de uso frecuente, como a ‘Procura ou o Nome de páxina’.
  • Índice de contidos que proporciona contexto sobre o artigo e permite a navegación a través das seccións durante a experiencia de lectura.
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal