Os defensores das patentes de software volven á carga e tentarán esta vez a súa lexitimación a través do poder xudicial. O próximo día 12 de outubro terá lugar unha votación no Parlamento Europeo na que se decidirá a creación dun Tribunal Europeo de Patentes. Este tribunal resolvería os litixios sobre patentes e podería darlles validez a través de litixios xudiciais, tal como acontece agora en Estados Unidos.
A
EPLA (Acordo Europeo sobre Litixios de Patentes), un tratado internacional que permitiría a creación dun sistema legal á marxe do control democrático europeo, é unha proposta da
Oficina Europea de Patentes que supón a ratificación por parte dos estados da UE do Protocolo de Londres. Segundo a propia Oficina Europea de Patentes as patentes só se poderían realizar en tres idiomas (inglés, francés e alemán) e os litixios terían un custe medio de entre 97.000 e 415.000 euros.
Ademais das consecuencias negativas que xa de por si ten a patentabilidade como freo da innovación e a investigación, de aprobarse a creación deste novo tribunal a situación do sector TIC galego veríase en clara desvantaxe xa que máis do 80% das empresas son PEME incapaces de facer fronte aos custes xudiciais destes procesos. Existe tamén unha clara discriminación lingüística tanto das linguas minorizadas coma o galego como das linguas oficiais da maioría dos países da Unión Europea.
Máis información: Mesa Galega a Prol da Innovación