Son moitos os comentarios que se poden ver por internet sobre que non se
pode facer a declaración por internet usando outros sistemas que non sexan Windows; pois ben, que pasaría se Facenda liberase os programas baixo algún tipo de licenza libre e abrise os formatos que emprega?.
Debido a seguranza que achegan os sistemas de certificación dixital, poderíanse facer programas compatibles para todos os sistemas
operativos, ter maior interoperabilidade entre Facenda cos bancos e
ademais, moi probablemente, a comunidade liberaría programas e as súas
melloras de forma gratuíta. O crecemento de aplicacións empresariais
que usasen os estándares da administración sería tanto en calidade como
en cantidade: a diversidade de ERP xeraría un bo nicho de mercado
nesta área.
Até o momento, Facenda aplica melloras de forma progresiva: ten
formatos que permiten certa interoperabilidade entre bancos e o
programa «PADRE», cada vez vai mellorando máis os sistemas e as
facilidades que lles dá aos contribuíntes; daquela, por que non dar o
seguinte paso?, por que non liberar o programa «PADRE»?.
Unha nova implementación do programa «PADRE» pode ser realmente custosa
para a adaptar a outros contornos, mais de se liberar este custo
sería asumido tanto pola comunidade como por empresas privadas que
desenvolvan novos ERP e programas para lles dar maiores facilidades aos
usuarios, Facenda só tería que preocuparse dos formatos para a
interoperabilidade dos sistemas.
En exercicios anteriores, podíase conectar a través dun
servidor CITRIX para poder facer a declaración desde outros sistemas
operativos, unha facilidade que este ano parece non existir. Como
suxestión de futuro, debería apostarse por protocolos abertos e
programas libres xa que ao final son os máis rendibles. Facenda gañaría
por dúas bandas: aforraría no desenvolvemento do programa e xeraría máis
emprego.
