Previsión de drivers libres para ATI para Nadal

Unha das cuestións pendentes no Software Libre é ter drivers de vídeo completamente funcionais. De feito a Free Software Foundation declarou este punto un dos proxectos de maior prioridade. Mentres tanto, a maioría de usuarios e distribucións deciden empregar os drivers propietarios que as marcas de tarxetas gráficas permiten descargar de xeito gratuíto.

Un dos principais proxectos está a traballar a prol da consecución dun driver completo e libre para as tarxetas AVIVO R500 e R600 de AMD/ATI. Segundo Jerome Glisse, coordinador do proxecto, o progreso do mesmo é moi bo e probablemente antes de fin de ano teráse un driver que dea algún soporte de aceleración 3D.

Glisse e os outros 3 ou 4 colaboradores do proxecto comezaron o desenvolvemento do driver Avivo a primeiros do ano 2007, aínda que o traballo serio empezou hai un par de meses e a primeira versión oficial aínda non ten data. A maior parte do traballo consiste na reenxeñería do driver fglrx , o binario proporcionado por ATI para Linux e baseada na experiencia en proxectos pasados.

Actualmente, o driver Avivo está nunha fase extremadamente básica, aínda non axeitada para o seu uso xeral. O driver só é capaz de establecer o modo. Máis especificamente, os desenvolvedores do proxecto aprenderon a programar as especificacións de hardware como DAC (digital to analog converter), LVDS (low-voltage differential signaling), e TMDS (transition minimized differential signaling) que permiten ao computador comunicarse coa tarxeta de vídeo; é dicir “ o básico que se precisa para conseguir algo na pantalla” en palabras de Glisse.

Por suposto hai que traballar aínda moito máis para ter un driver útil. Glisse confía en que o proxecto poida acadar nun futuro breve a inicialización da tarxeta con funcións tales como suspender e visualizar, under- e over-clocking das tarxetas, e acceso á RAM da placa. Así mesmo espera que moito do traballo que queda poida ser portado do traballo feito para o anterior proxecto R300.

Aínda que AMD adquiriu ATI hai máis dun ano e non amosou ningún sinal de querer mellorar os drivers libres, Glisse espera que AMD cambie esta actitude e comece a traballar coa comunidade. Mentres tanto, agardando que ocorra isto, o proxecto Avivo precisaría máis xente con experiencia en drivers gráficos e o desexo de facer un esforzo a longo prazo.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal