O equipo de Robótica do Grupo de Sistemas Intelixentes do Departamento de Electrónica e Computación da Universidade de Santiago de Compostela emprega o software libre nos seus Robots. Este equipo integrado por Carlos Regueiro, Roberto Iglesias, Miguel Rodríguez, José Luis Correa, Manuel Murientes, Alberto Bugarín, Cristina Gamallo e José Emilio Domenech empregan para as súas investigacións no campo da robótica dous robots: un Pioneer 2AT (All Terrain) de MobileRobots e un Nomad 200 de Nomadic Tech. …
O Nomad e o Pioneer dispoñen cada un dun PC embebido que leva instalado GNU/Linux como sistema operativo.
Os robots tamén poden ser controlados mediante un porto serie por un portátil externo. Un dos obxectivos do equipo de robótica é aprenderlle aos robots a tomar decisións a partir dos datos que toman os sensores que levan incorporados. Para este traballo o software libre de código aberto é fundamental, os membros do equipo de robótica programan aplicacións compiladas co compilador libre g++ de GNU, que lles permiten procesar os datos que toman os sensores.
O software que permite a comunicación co hardware, videocámaras, sensores láser, etc., que levan incorporados os robots para a toma de datos é unha aplicación libre que se pode descargar dende a páxina web de sourceforge chamada Player/Stage . As imaxes que toman o Nomad e o Pioneer son procesadas coa axuda dunha biblioteca de código aberto chamada Opencv .
