#Desenvolvemento #Infraestructura #Sistemas #VisualizacionDatos
Grafana é un sistema de visualización interactiva e dinámica que está escrito fundamentalmente na linguaxe Go e licenciado baixo Apache 2.0, é desenvolvido por Grafana Labs a cal ofrecen un produto chamado Grafana Enterprise con unha serie de servizos engadidos.
Trátase dun software multiplataforma e extensible mediante plugins no que os usuario poden construír de forma personalizada o seu panel de visualización de datos, así como compartir os mesmos dun xeito sinxelo. Grafana é amplamente usado en sistemas de monitorización de servizos de rede como poden ser Prometheus ou Zabbix.
As características máis destacadas de Grafana son:
- Visualización de múltiples tipos de gráficas (histogramas, mapas xeográficos, mapas de calor…) con multitude de opcións coas que se poden enriquecer e estender.
- Creación de paneis de control dinámicos e reutilizables coa posibilidade de compartilos.
- Utilización de diversas e múltiples fontes de datos das que se poden obter métricas personalizadas así como filtrar datos e realizar anotacións en tempo real.
- Definición de alertas e notificacións.
#Desenvolvemento #VisualizacionDatos
Kibana é un complemento de visualización para Elasticsearch. Con Kibana pódense configurar diversos paneis visuais provistos de distintos tipos de trebellos como diagramas de barras, de círculos, mapas, grafos… tamén está provisto de funcionalidades con aprendizaxe autónomo que axudaría a detectar certas situacións anómalas de xeito desatendido, incluso se poden desenvolver trebellos gráficos novos mediante Canvas.
Empregando Elasticsearch con Kibana pódese indexar un volume de datos grande e realizar consultas e procuras sobre o mesmo mediante unha interface visual moderna, útil e extensible. Aínda que non é obrigatorio o uso de Kibana con Elasticsearch, na maioría dos casos ambas solucións van da man.
Ligazóns
#Desenvolvemento #VisualizacionDatos
R é unha linguaxe de programación libre, así como unha contorna de desenvolvemento. Están especificamente deseñados para a análise estatística e a realización de gráficas. Actualmente considérase a lingua franca do analista de datos e estase a utilizar en numerosos campos relacionados, dun ou doutro xeito, coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, big data, bioloxía, …).
R é multiplataforma (Windows, GNU/Linux, MacOs e FreeBSD) e está liberado baixo a licenza GPL. R é unha linguaxe interpretada que conta con un bo soporte de estruturas de datos de tipo vectoriais e matriciais, proporciona unha cantidade importante de métodos, modelos e funcións estatísticas e de representación gráfica de datos e conta ademais coa posibilidade de execución de código C, C++ e Fortran.
R tamén conta con un amplo ecosistema arredor da mesma, así como con contornas de desenvolvemento diversas, múltiples bibliotecas, frameworks e demais ferramentas para facilitar o traballo con R como poden ser R Studio, R Commander…
Ligazóns
#Deseño #Mapas #VisualizacionDatos
QGIS é un Sistema de Información Xeográfica (SIX) de escritorio. Os SIX, tamén coñecidos como GIS (do inglés Geographic Information System) son sistemas que nos permiten capturar, visualizar, analizar, modificar e compartir información xeográfica.
Estes sistemas empréganse en diversos ámbitos, como poden ser: a ordenación do territorio e urbanismo, xestión de recursos, loxística, transporte, desenvolvemento sostible…
As principais funcionalidades de QGIS son:
- Visualización de datos tanto vectoriais como imaxes.
- Creación, edición e xestión de datos con diversas ferramentas.
- Publicación de mapas seguindo os estándares OGC.
- Extensible mediante plugins.
- Consola de Python con posibilidade de automatización de tarefas mediante scripts.
QGIS trátase dunha aplicación multiplataforma que está traducida tanto ao galego coma ao castelán. Programada principalmente na linguaxe C++, baseada nas bibliotecas QT e con licenza GPL.
Esta aplicación conta con dúas versións con soporte, unha versión máis moderna coas últimas novidades e outra versión máis estable e con un soporte máis longo no tempo, esta última, que se coñece como LTR (Long Term Release), é a que está recomendada para contornas de produción.
#Descatalogado #Mapas #VisualizacionDatos
O proxecto DESOURB, (Desenvolvemento Sostible Urbano), ten como obxectivo a definición dun modelo innovador de planificación e xestión territorial baseado en indicadores. A iniciativa, desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, xunto co Eixo Atlántico do Noroeste peninsular a través de Eixoecologia (Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular), está financiada con fondos europeos do “Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal” (POCTEP).
Como parte do proxecto desenvolveuse unha plataforma informática en web, que permite a captura e introdución de información, tanto en soporte alfanumérico como xeográfico, necesaria para a realización dos diagnósticos, establecer obxectivos ou monitorizar os resultados das accións realizadas en base a índices e indicadores. A aplicación permite o cálculo automático destes indicadores, dende os que comprenden cálculos máis sinxelos, ata os máis complexos que requiren operacións con datos xeográficos. Ademais, permite a incorporación, definición e creación de novos indicadores por parte dos usuarios da plataforma.
Todo este traballo ten como finalidade última dispoñer dunha ferramenta que permita a harmonización e centralización da información territorial nun único punto, para difundila ao público dun xeito sinxelo. A información está organizada en proxectos categorías, temas e indicadores e os usuarios de internet poden visualizar, consultar, descargar e imprimir os datos que están dispoñibles en forma de táboas, gráficos, mapas e informes.
É unha ferramenta de monitorización da xestión do territorio, que foi desenvolvida en código aberto de tal xeito que pode ser empregada por distintas administracións ou organizacións facendo as adaptacións necesarias sobre a base xa executada.