Zotero: ferramenta de xestión bibliográfica libre

A xestión das bibliografías do OpenOffice.org non é demasiado completa, pero existen alternativas interesantes, entre as que cómpre ter en conta a Zotero pola súa facilidade de uso.

Zotero permite crear, manter, xestionar e usar unha base de datos bibliográfica de maneira sinxela. Distribúese como extensión para Firefox, para OpenOffice.org, para WordPress e para Ms Word .

A extensión para Firefox permitiranos crear a base de datos bibliográfica e inserir semiautomaticamente novas entradas bibliográficas sen necesidade de escribir manualmente os seus datos. A extensión para OpenOffice.org permitirá traballar coa base de datos para inserir citas e bibliografías nos nosos documentos.

Extensión para Firefox

Grazas a un conxunto de motores incluídos nesta extensión, Zotero é quen de extraer automaticamente datos de libros ou de publicacións impresas da web onde os esteamos a ver. A lista de sitios web soportados é impresionante, e o modo de emprego para extraer os datos dos libros delas é moi doado.

Se Zotero atopa información de varios libros na web visualizada, mostra a icona dun cartafol na barra de navegación do Firefox, ao lado dereito do url. Premendo sobre a icona verase a lista de títulos dos libros detectados. Para engadilos á nosa base de datos abonda con seleccionar os que interesen e premer Ok. Ademais dos títulos engádense automaticamente tamén os campos Autor, Editor e ISBN.

Se Zotero só atopa un libro, na barra de navegación amosará unha icona dun libro en lugar dun cartafol.

Ademais de libros ou publicacións impresas, Zotero permite engadir páxinas web á base bibliográfica moi interesante cando se queren incluír referencias a fontes en liña na nosa bibliografía.

Unha vez engadidos os libros á base, pódense xestionar, engadir anotacións e agrupar os libros en cartafoles. Unha característica, que non soen incorporar as ferramentas tradicionais de xestión bibliográfica, é a posibilidade de engadir etiquetas a cada entrada, notas, adxuntar ficheiros e mesmo facer referencias cruzadas entre elas mediante a característica Relacionado con.

Outra característica non presente nas aplicacións convencionais é a Liña de tempos. Está baseada no proxecto SIMILE Timeline, e permite presentar a bibliografía nunha gráfica de liña de tempos podendo modificar o período de tempo a mostrar de xeito dinámico.

Extensión para o OpenOffice.org

Ao instalala aparecerá un novo menú con 4 botóns: inserir Cita, inserir bibliografía, refrescar e establecer preferencias do documento. A configuración permite escoller o estilo de cita que se desexa, como se mostran en texto, opcións de formato…

Para xerar unha bibliografía só hai que colocar o cursor onde queiramos que apareza e premer no botón Inserir bibliografía. Esta actualizarase de maneira automática, de xeito que cando se insira unha nova cita aparecerá a referencia bibliográfica automaticamente. O que non ocorre é ao revés, cando se elimina unha cita hai que eliminala manualmente da bibliografía.

Zotero está en fase de desenvolvemento e aínda que pode presentar algúns erros de funcionamento, a velocidade de corrección dos mesmos é rápida.

Fonte: Linux.com

 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal