Framadate é un servizo en liña que permite planificar unha cita ou evento, e a toma dunha decisión de forma rápida e sinxela, entre un grupo de persoas.
Non é necesario rexistrarse para usar o servizo. Soamente necesitas un navegador para crear a consulta e para respondela. Necesita, iso si, que teñamos habilitado JavaScript e as cookies.
Framadate podemos descargalo desde o repositorio oficial e instalalo no noso propio servidor, desa forma teremos o control dos nosos datos.
Taiga é unha plataforma de xestión de proxectos, áxil, de código aberto, simple, intuitiva e pensada tanto para proxectos simples coma complexos. Unha ferramenta para todos, non so para xente con coñecementos avanzados de informática. En resumo, unha ferramenta para facer o traballo máis agradable.
En Taiga poderemos usar plugins de terceiros, contamos con ferramentas de migración, informes en CSV e unha API oficial.
Ao ser código aberto, temos dispoñible todo o código de Taiga para a súa descarga libre no seu repostiorio en github. Poderemos instalalo na nosa empresa e desa forma ter o control dos nosos datos.
Pero tamén podemos probar e usar Taiga, sen necesidade de instalar nada, a través dun navegador e creando unha conta gratuíta na web oficial de Taiga. Tamén está dispoñible para a súa proba, previa solicitude, no CDTIC Virtual.
Etherpad é un editor de código aberto que se executa no teu navegador, polo que non necesitas instalar ningún outro aplicativo para usalo e proporciona edición colaborativa en tempo real para varios usuarios.
É tan sinxelo como crear un caderno de notas, compartir a ligazón cos nosos colaboradores e empeza a traballar todos no mesmo documento ao mesmo tempo.
Etherpad pódese instalar libremente, de forma sinxela no servidor da nosa empresa. Poderemos así personalizalo cunha chea de plugins, para que se adapte ás nosas necesidades, desta forma os datos non sairán da empresa.
Pero non é necesario instalar Etherpad para poder usalo, só tes que elixir unha das instancias dispoñibles publicamente que podes atopar nesta web.
Nota importante: temos que ter en conta que nas instancias públicas, os cadernos soen destruírse por seguridade despois de 30 días da súa creación.
Proxecto Matrix, estándar aberto para as comunicacións
Matrix utilízase principalmente para a mensaxería instantánea, pero tamén serve como solución de Voz IP e para videoconferencias.
Matrix realmente é un proxecto de código aberto mantido por unha fundación sen ánimo de lucro, que publica un estándar aberto para a comunicación: – interoperable con outras redes de comunicación – descentralizado – en tempo real – cifrado e seguro a través de IP
Estas características permiten que os usuarios envíen mensaxes e fagan chamadas entre si, sen ter que preocuparse pola aplicación na que se atopa o outro usuario, facéndoo tan fácil como se enviáramos un correo electrónico, e utilizando un sistema de identidade neutral como pode ser un nome de usuario, unha dirección de correo electrónico ou un número de teléfono.
Desta forma, os usuarios posúen e controlan os seus datos en todo momento, e poden seleccionar os servizos e provedores que desexan utilizar.
A forma máis fácil de empezar con Matrix é usando a interface web do cliente Riot.
Jitsi é unha aplicación coa que poderemos facer tanto videoconferencias, usala como solución VoIP e como mensaxería instantánea, tanto a través do ordenador, con aplicacións para iOS e Android ou directamente a través dun navegador web.
NOTA: Temos que ter en conta de todas formas que os servizos gratuítos poden sufrir caídas inesperadas ou ter problemas no servizo debido ao uso intensivo deles que está tendo lugar estos días, no que se multiplicou o teletraballo.
Mércores, 7 Setembro 2022
Pílula sobre a sinatura dixital de documentos coa máquina virtual
A Oficina de coordinación de software libre da Amtega, pon a disposición da cidadanía unha máquina virtual (baseada nunha distribución libre como é debian) que permite a realización de trámites con sinatura dixital empregando ferramentas de software libre.
Desta forma mellórase a interoperabilidade cos servizos da eAdministración.
Esta máquina virtual, contan como compoñente principal coa aplicación para a sinatura de documentos Autofirma, aplicación de software libre que está dispoñible para GNU/Linux, MacOS X e Windows. A máquina virtual foi testada nos diferentes servizos da administración electrónica da Xunta de Galicia.
Pílula sobre a máquina virtual para a sinatura dixital
Falamos esta vez de Inkscape, editor de gráficos vectoriais libre. Con Inkscape poderás crear e editar diagramas, liñas, gráficos, logotipos e ilustracións complexas.
Inkscape
Inkscape é un editor libre de gráficos vectoriais con características profesionais e multiplataforma (dispoñible para GNU/Linux, Windows e Mac OS). Os gráficos vectoriais son imaxes que están definidas mediante figuras xeométricas descritas por funcións matemáticas, polo que nos permiten redimensionar as imaxes sen perder calidade.
O formato principal que utiliza o programa é Scalable Vector Graphics (SVG), pero desde a ferramenta podemos exportar e importar varios formatos de arquivo, incluíndo SVG, AI, EPS, PDF, PS e PNG.
Ten funcionalidades moi fáciles de comprender, unha interface sinxela, soporte multi-idiomas, está deseñado para ser extensible, ademais, os usuarios poden personalizar as funcionalidades de Inkscape coas súas múltiples extensións.
Inkscape ten as ferramentas típicas dun programa de debuxo, así como o a posibilidade de traballar con capas. Inkscape é unha das ferramentas libres de edición de imaxes máis empregadas.
O proxecto de Inkscape ten unha comunidade de usuarios internacional en constante crecemento e existen moitos materiais de aprendizaxe. A axuda e o soporte son proporcionados pola propia comunidade.
Inkscape é usado por deseñadores profesionais (en empresas de publicidade ou imaxe corporativa, enxeñería/CAD, gráficos web ou deseño de cómics) e afeccionados de todo o mundo para crear unha gran variedade de gráficos como ilustracións, iconas, logos, diagramas, mapas e deseños web.
En resumo, Inkscape é unha ferramenta extensible, flexible e que se adapta perfectamente a fluxos de traballo noveis ou profesionais.
Shotcut é un proxecto que está a ter un desenvolvemento e difusión moi grande, sendo un dos editores preferidos pola xente hoxe en día. Conta con algunhas características de editores profesionais.
Shotcut
Shotcut é un software de edición de vídeo multiplataforma gratuíto e de código aberto para FreeBSD, GNU/Linux, macOS e Windows.
Pílula en vídeo sobre edición de vídeo con Shotcut
Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres para as vosas actividades cotiás.
Mércores, 23 Marzo 2022
07 – Pílula sobre revelado de imaxes RAW con Darktable
Á hora de operar con cámaras fotográficas, existen dous xeitos de traballar, pódese usar o formato en cru (coñecido como RAW) da propia cámara ou pódese traballar cun formato xa procesado (jpg ou png).
Traballar directamente co formato jpg é máis rápido e sinxelo, pero estase a perder información de cada toma fotográfica. Á hora de manipular ou mesmo visualizar as fotografías en formato cru, necesítase un software especial para realizar o revelado dixital que sexa capaz de interpretar o formato RAW e exportalo ao formato de imaxe desexado.
Darktable
Con Darktable dispoñemos dunha ferramenta multiplataforma, fácil de usar e potente ao mesmo tempo que xunto con GIMP, forman unha parella perfecta para ter un completo estudio fotográfico dixital ao noso alcance co que retocar e manipular imaxes.
Darktable é un programa de revelado dixital, que permite a edición non destrutiva e o retoque de imaxes. Unha mesa de luz e un cuarto escuro virtual para os fotógrafos, onde xestionar os negativos dixitais nunha base de datos.
É unha aplicación de software libre (dispoñible baixo a licenza GPL), multiplataforma (GNU/Linux, Windows, Mac OS) e que conta cunha comunidade de usuarios extensa.
A interface de Darktable está dispoñible en 21 idiomas, entre eles o español.
OpenVAS (Open Vulnerability Assessment System) é un software que se centra na avaliación de vulnerabilidades dun sistema informático.
Con OpenVAS poden lanzarse diversos tipos de probas sobre distintos obxectos de forma manual ou programada, configurando periodicidades. Estas probas analizan todas as vulnerabilidades descubertas recibindo actualizacións das mesmas diariamente.
A solución libre completa integra os seguintes compoñentes: – OpenVAS scanner – O compoñente que realiza as probas e escaneos de vulnerabilidades. – Greenbone Vulnerability Management (GVM) – Peza intermedia entre OpenVAS e a interface web que xestiona a configuración e os resultados dos escaneos. – Greenbone Security Assistant (GSA) – Unha interface web escrita en React a través da cal se poden consultar, programar e visualizar os informes de vulnerabilidades.
Podemos probar o funcionamento de OpenVAS de forma sinxela e segura, a través dunha versión que preparamos para o GaiásTech Cloud, sen necesidade de instalar ningún software, simplemente a través dun navegador web: https://gaiastech.xunta.gal/gl/gtech-cloud/openvas
Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible.A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.
Cookies estrictamente necesarias
As cookies estrictamente necesarias deben estar activadas en todo momento para que poidamos gardar as súas preferencias para a configuración de cookies.
If you disable this cookie, we will not be able to save your preferences. This means that every time you visit this website you will need to enable or disable cookies again.
Cookies de terceiros
Este sitio web usa Google Analytics para recoller información anónima como o número de visitantes do sitio e as páxinas máis populares.
Please enable Strictly Necessary Cookies first so that we can save your preferences!