Mancomún

GnuAccounting é un software baixo licenza GPL para xerar e administrar facturas, albaráns, recibos e notas de créditos. O aplicativo usa Openoffice para deseñar modelos (templates) para facturas, e emprega MySQL ou OpenOffice Base para almacear os datos nun servidor central ou no computador cliente.

Este proxecto amosa un nivel de actividade alto liberando novas versións cada pouco tempo. A última versión ten data 14 de xaneiro deste ano. Os requirimentos para executar esta versión son:

OpenOffice.org versión 2.x
Java 1.4.2 o superior ou superior (non empregar 1.3.1 ou 1.4)
MySQL 4.0 Connector/J requirido para MySQL

Para máis información consultar a web do proxecto Gnuaccounting.

Gramps (acrónimo de Genealogical Research and Analysis Management Programming System) é un programa de análise xenealóxico desenvolvido para GNOME. Permite a xestión de datos sobre os nosos antergos e a realización de árbores familiares e informes. Está dispoñible en Linux, BSD, Solaris e Windows en fase de probas.

A facilidade de integración de datos procedentes doutras ferramentas similares é outra das vantaxes de Gramps. Foi programado en Python e usa GrapghicViz para os gráficos relacionais. Conta ademais cunha completa documentación e foros relacionados.

A Open Design Community  é un grupo de deseñadores libres que ofrecen modelos (templates) de deseño libres para quen as queira aproveitar. O seu obxectivo é crear unha comunidade onde os usuarios podan compartir os seus deseños e modelos, debatir sobre eles e promover os seus servizos.

A súa web OpenDesigns.org é xestionada pola Open Design Community estruturada coma unha organización sen ánimo de lucro e conta con 3 administradores e 10 moderardores. Na actualidade a web conta con máis de 300 deseños con licenzas Creative Commons e GPL de dominio público.

A web de Mancomun.org conta cunha nova opción de tradución automática ao castelán. Premendo na opción que aparece na esquina superior dereita a web cambiará de idioma automaticamente grazas ao sistema de tradución automática OpenTrad. A páxina en castelán é meramente informativa e non permite traballar como usuario rexistrado.
 

OpenTrad é un sistema de tradución automática desenvolvido por un grupo de empresas e universidades de todo o estado. O sistema usa as tecnoloxías libres Apertium para as linguas románicas e Matxin para o español-euskera. O motor lingüístico conta con licenza GPL e os dicionarios lingüísticos con Creative Commons. Opentrad recibiu premio da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia á Mellor Aplicación TIC realizada no 2006.

O Consorcio da World Wide Web publicou oito novos estándares da familia XML para a extracción de datos, a transformación de documentos e a computación empresarial dende servizos Web a bases de datos. Máis de 1.000 comentarios de desenvolvedores axudaron a garantir a flexibilidade e aplicabilidade desta serie de tecnoloxías. XSLT transforma o etiquetado e o formato de documentos. XML Query pode realizar procuras, consultas e conexións entre coleccións de documentos. As expresións XPath, o XSLT 2 e o XQuery funcionan con documentos XML, bases de datos XML, bases de datos relacionais, motores de procura e de obxectos.

  • XQuery 1.0, Linguaxe de Consulta XML (XML Query): Sintaxes XML para realizar consultas de coleccións de datos estruturados e semi estruturados tanto localmente como na Web.
  • Transformacións XSL (XSLT) Versión 2.0: Transforma instancias de modelo de datos (XML e non XML) en outro tipo de documentos, incluíndo XSL-FO para impresión.
  • Linguaxe de Rutas XML (XPath) 2.0: Expresións sintácticas para facer referencia a partes de documentos XML.
  • Funcións e Operadores XQuery 1.0 e XPath 2.0: Funcións que poden ser chamadas con expresións XPath e operacións que poden realizarse sobre tipos de datos XPath 2.0.
  • Modelo de Datos XQuery 1.0 e XPath 2.0 (XDM): Representación e acceso tanto para fontes XML como para fontes que non sexan XML.
  • Serialización XSLT 2.0 e XQuery 1.0: Como amosar os resultados da avaliación de XSLT 2.0 e XML Query en XML, HTML ou como texto.
  • Sintaxes XML para XQuery 1.0 (XQueryX): Sintaxes XML para realizar consultas de coleccións de datos estruturados e semi estruturados tanto localmente como na Web.
  • Semánticas formais de XQuery 1.0 e XPath 2.0: Sistema empregado en XQuery e XSLT 2 a través de XPath, definido de forma precisa para desenvolvedores.

Fonte: w3c

OooOoDocGal é un proxecto vivo e en continua transformación de documentación e formación para facilitar o ensino do Software Libre e a iniciación no mundo da informática. Artellado coma un [[wiki]] contén materiais didácticos sobre os primeiros pasos perante un computador e ofimática a través de OpenOffice.org. Foi desenvolvido grazas ao activismo da asociación CompostelaWireless e conta co apoio de Mancomun.org e DPInformática.
 

O Wiki contén polo de agora dous cursos básicos titulados Achegamento á informática e OpenOffice.org, centrándose no caso da aplicación ofimática no procesador de textos e no xestor de follas de cálculo. Os cursos procuran que o alumno teña competencia non só en programas concretos senón que desenvolva habilidades para poder manexarse con soltura diante dun computador. O obxectivo final é crear unha alternativa non só tecnolóxica senón tamén educativa xa que, segundo expoñen os promotores de OoDocGal, moitas veces os usuarios actúan por inercia e só queren empregar o software no que foron ensinados.
 
Esta valiosa ferramenta didáctica foi posible mediante o traballo colaborativo dunha serie de voluntarios que desenvolveron os contidos do wiki. Calquera que o desexe pode inscribirse e facer unha achega con novos contidos. Cabe salientar a importancia de ofrecer documentación que complemente e facilite o acercamento dos usuarios ao Software Libre.
 

A fusión de open source development labs e o free standards group reforza a presenza de linux no mercado. A partires do 2 de Febreiro previa aprobación da fusión polos membros de ditas fundacións, pasarán a denominarse Linux  foundation.

Contará entre os seus traballadores con Linus Torvalds e Jim Zemlim. Entre as suas funcións recordar que serán os responsables de defender a marca Linux, do estandar LSB que seguen a maioría das distribucións. E esperemos que trala fusión compañías como IBM, HP, Novell, Red Hat, Mysql, Sun, Veritas, Amd e Intel entre outras continúen co seu apoio. 

Destacar as seguintes funcións: 

  • protexer Linux patrocinando aos seus desenvolvedores clave permanecendo independentes de ningunha compañía.
  • manter os proxectos de proteción da innovación como Open Source as Prior Art project, e o Patent Commons Project.
  • esponsorizar o Linux Legal Defense Fund
  • e moitas outras que se poden ver na súa páxina principal

Fonte: Libro blanco  

O número 6 da RevistaSL co título “Más sabe el diablo por BSD que por diablo” fai fincapé nos distintos sabores de BSD (Berkeley Software Distribution, Distribución de Software Berkeley). Este sistema operativo deriva do sistema Unix, desenvolvido por AT&T na década dos 70’s e modificado a partires das doazóns realizadas pola Universidade de California en Berkeley. Fóra do tema central da revista neste número atópanse artigos sobor: XGL, AIXGL, Compiz & Beryl, desenvolvemento de aplicacións Web con LAMP, proxecto Tor, …

A última publicación da revista Essentia Libre ten como tema central o traballo do proxecto OLPC Colombia, ademais conta co apoio do “Foro Académico de Objetos Virtuales de Aprendizaje”. Unha entrevista a Alvaro López Ortega de Sun Microsystems quen conta as novedades de Java (OpenJDK).

Distintos sabores BSD tratados en Revista SL:

Referencias na revista Essentia Libre:

As revistas pódense descargar das respectivas webs: RevistaSL e Essentia Libre

Bélxica e Francia traballan man con man para desenvolver o proxecto CommunesPlone. Esta iniciativa procura a creación a través de ferramentas libres de aplicacións e websites baseándose nos CMS Zope e Plone. Actualmente están implicadas 14 administracións locais de Francia e Bélxica no proxecto.

As comunidades participantes teñen por obxectivo gañar independenza respecto aos subministradores de servizos e produtos tecnolóxicos a través do desenvolvemento mediante a colaboración de aplicación e webs para o uso da administración e dos propios cidadáns. 

Outros beneficios previstos son a creación de aplicacións que dean mellor resposta ás necesidades dos usuarios a través de webs colaborativas xestionadas pola administración, asociacións e empresas así coma mellorar a eficiencia tecnolóxica a través do uso de ferramentas exentas do pago de licenza e asegurar o acceso aos datos.

Algún dos froitos deste proxecto son a creación dun módulo para enviar documentos administrativos a través de internet, un directorio empresarial e unha serie de webs comunitarias. Na actualidade trabállase no desenvolvemento dun módulo de certificación a través do DNI e un xestor de documentación.   

 

Ubuntu Linux gaña presenza no eido multimedia con dous novos produtos: Rosegarden e UbuntuStudio. O primeiro trátase dun editor de son dirixido a músicos amateurs e pequenos estudos de gravación que permite a composición e edición musical, unha ferramenta moi similar á aplicación propietaria Cubase. Pola súa banda UbuntuStudio é un interesante achegamento de Ubuntu a unha contorna multimedia.

Rosegarden vén avalada pola súa elección coma proxecto do mes de decembro por Sourceforge. Esta aplicación KDE contén un editor de notación, un estudio MIDI, mezclador… polo que constitúe un completo posto de traballo para o audio dixital. Para mostrarvos as posibilidades desta ferramenta os creadores teñen unha web con música feita co editor. Galicia aportou o seu gran de area xa que un dos responsables do proxecto, Pedro López-Cabanillas, é un galego residente en Barcelona.

UbuntuStudio, pola súa banda, é un proxecto orientado a Gnome que ten coma propósito final crear unha distro orientada á edición de contidos multimedia. Está prevista a súa saída en abril.  

TUXOnte tivo lugar no Centro de Supercomputación de Galicia unha reunión entre as asociacións de usuarios de Linux de Galicia que asinaron o convenio con Mancomun.org coa fin de repasar e coordinar as actividades que estes grupos acordaron realizar durante o próximo semestre.
 

Mancomun.org ten asinado un convenio para apoiar as actividades de 9 grupos que desenvolven iniciativas de difusión e de Software Libre espallados por toda Galicia. Estas actividades van encamiñadas a dar a coñecer a filosofía do código aberto á sociedade, xornadas de carácter técnico, realización de foros e coloquios públicos entre outras accións.
http://www.mancomun.org/images/468-x-60.png
 
 
“Mancomun.org – Iniciativa galega polo Software Libre” presenta a versión 2.1 do paquete ofimático OpenOffice.org para usuarios tanto de GNU/Linux, de MS-Windows e de Mac OS X (para Intel), así como as instrucións para a instalación en cada unha das plataformas.

Para descargar esta nova versión, visita a páxina de descargas do OpenOffice.org en Mancomun.org.
 
Esta versión inclúe o corrector ortográfico integrado para o galego e nos próximos meses esperamos ter dispoñible o corrector gramatical.
 
NOTA: PARA WINDOWS É NECESARIO TER INSTALADO O MICROSOFT NET FRAMEWORK 2.0 .
 
Se tes algunha dúbida ou problema consúltanos nos foros de mancomun.org

A lei de accesibilidade no goberno holandés entrou en vigor o pasado ano. Esta lei obriga aos sitios webs do goberno a seguir as pautas do w3c (World Wide Web Consortium). Para levar a cabo esta medida fan unha recompilación de 125 pautas definindo as mellores prácticas para xerar sitios accesibles. Estos puntos van máis alá do especificado nas WCAG (Web Content Accessibility Guidelines 1.0) tendo en conta as novas técnicas de desenvolvemento para a web.

Os sitios web construídos para o Estado están obrigados por lei a empregar:

  • HTML válido 4.01 ou XHTML 1.0
  • CSS e HTML semántico e separación da estructura e da presentación
  • W3C DOM (no lugar do vello document.all Microsoft)
  • valores significativos para os atributos class e id
  • textos significativos para o atributo alt en tódalas imaxes

Ademais:

  • scripts que traballen sobre ligazóns deberán estender a súa funcionalidade (popups accesibles)
  • se unha ligazón non ten sentido sen un script, non debe estar no HTML (debe ser xerado por JavaScript)
  • prohíbese eliminar o foco sobre as ligazóns
  • prohíbese o uso de formularios ou scripts como únicos medios para recabar información
  • a información dispoñible en formato propietario ten que estar dispoñible en formato aberto.
  • a semántica dos elementos HTML débese definir explicitamente (Web semántica)

Os sitios web existentes teñen ata o 2011 para adaptarse a lei. As pautas da lei están dispoñibles en idioma holandés.

Fonte: Quirksmode Blog 

PEGSI Seguindo as recomendacións do Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI) as tres universidades galegas teñen previsto crear unha plataforma de teleformación baixo estándares abertos accesible a todos os seus estudantes e á sociedade en xeral. A implantación desta plataforma será gradual durante os próximos 3 anos.
 

O emprego de estándares abertos facilitará que os contidos que se desenvolvan podan ser empregados por calquera outra institución. O PEGSI prevé que todas as súas actividades formativas se desenvolvan baixo parámetros libres e destinará liñas de axuda para desenvolver contidos que alimenten esta plataforma. A Xunta pretende que no ano 2010 os alumnos de todos os niveis educativos empreguen internet na súa actividade académica.
 
O 78% os profesores universitarios galegos empregan a miúdo as TIC. Segundo datos do diagnóstico do PEGSI sobre o ensino, a mellora da calidade do ensino é o principal argumento dos mestres para usar as TIC nas aulas.
O Instituto Galego de Promoción Económica concedeu máis de 250.000 euros a proxectos tractores de desenvolvemento en código aberto. Estas subvencións formaban parte da liña de axudas para a mellora do tecido produtivo e recaeron en 9 proxectos elaborados por 6 empresas.

Un dos obxectivos do IGAPE con esta convocatoria era promover o desenvolvemento de proxectos que, mediante a adaptación final de ferramentas en Software Libre, se implantasen de xeito gratuíto nas PEME galegas resolvendo as súas necesidades e servindo coma proba de mercado para a empresa desenvolvedora das solucións.  

O IGAPE colaborou tamén coa Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia para desenvolver HGPyme, unha ferramenta para a xestión diaria dunha PEME desenvolvida en Software Libre.

A presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, escolleu o Software Libre e as novas tecnoloxías como tema do seu relatorio na próxima Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos (Coprepa). Nesta importante cita institucional, Villarino dará a coñecer un plan para fomentar o uso dos programas libres entre os deputados e traballadores da Cámara. Na actualidade, o Parlamento contrata a maioría das súas aplicacións a Microsoft, malia o apoio oficial da Xunta ao Software Libre.

Cómpre lembrar que o actual Parlamento gastou máis de 208.000 euros en comprarlle a cada deputado un portátil equipado con aplicacións propietarias, a pesar de que tanto PSdG como BNG incluían medidas a prol das ferramentas abertas nos seus programas electorais. A hexemonía de Microsoft na Cámara galega podería así rematar co plan anunciado. Agora ben, o grao de introdución dos programas libres non foi detallado aínda, pois fontes do hemiciclo só indicaron que será “progresiva e en diversos ámbitos”.

Un dos obxectivos da renovación tecnolóxica do Parlamento será “acadar unha maior participación cidadá na Cámara autonómica”. Ademais, o plan estará guiado polos principios de “accesibilidade, profesionalidade, participación pública, apertura e relevancia”.

De cumprir o adiantado neste proxecto, o Parlamento sintonizará coas recomendacións do Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información, documento que guía a política de novas tecnoloxías da Xunta.

 
Fonte: Vieiros
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal