Dous proxectos empresariais xurdidos da Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense resultaron premiados cun espazo, denominado viveiro, no SIMO, a máis grande feira internacional de informática multimedia e comunicacións. As empresas Redegal e Imagos foron elixidos con outros cincuenta proxectos de novos emprendedores con propostas relevantes tecnoloxicamente para contar cun espazo gratuíto neste gran evento.
Imagos está formada polos creadores e actuais líderes do Proxecto Trisquel que ten por obxectivo a construción dun sistema operativo libre de alta calidade en galego normativo. Imagos tamén desenvolveu a Trisguel GNU/Linux PyME, unha distribución orientada a pequenas e medianas empresas.
Redegal presentará a súa solución Sketch Arm que permite a reducción do tempo en deseño de armarios feitos a medida. O investigador da escola de Ourense, Celso Campos, está a desenvolver unha versión para Linux desta aplicación. Ademais Redegal tamén presentará unha solución que permitirá conectar redes sen fíos nas zonas rurais a través do emprego de Software Libre e na que colaboran os profesores Javier Rodeiro Iglesias e Miguel Díaz-Cacho Medina.