Chega o verán e, con el, unha nova edición da Escola de Verán de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. Do 13 ao 17 de xullo, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, no Campus de Elviña, converteuse en punto de encontro para quen quixo achegarse ao mundo do software libre.
Estivemos alí gravando esta reportaxe, onde tamén aproveitamos para entrevistar a persoas voluntarias e organizadoras da escola.
Vídeo con audiodescripcións (AD)
Vídeo con audiodescripcións (AD) e controis avanzados dos volumes
Unha semana completa, gratuíta e para todos os públicos
Unha semana completa de actividades gratuítas, pensada para todos os públicos: non fai falta ter coñecementos previos para participar. Ao longo de cinco días, en horario de tarde principalmente, organizáronse 11 obradoiros e charlas que abranguen desde as comunicacións por radio ata unha introdución á electrónica, pasando por deseño 3D, robótica, intelixencia artificial ou accesibilidade.
Martina, técnica de educación en Enxeñería Sen Fronteiras, explica de onde vén esta iniciativa:
“Somos unha organización sen ánimo de lucro, independente, e que se basea sobre todo no voluntariado. Traballamos a cooperación internacional en Honduras e Mozambique actualmente. Tratamos os temas da soberanía agrícola alimentaria e o dereito á auga. E logo en Galicia facemos traballo de concienciación e incidencia política tamén, nos temas de soberanía alimentaria, de dereito á auga e tamén nos eidos dixitais e de soberanía enerxética.”
Dentro dese eido dixital, xa levan varios anos organizando esta escola de verán:
“É un espazo onde o que se achega é a soberanía dixital e as tecnoloxías libres a calquera tipo de público, sexa con algún tipo de coñecemento ou sen ningún.”
Do Fediverso ás radiocomunicacións
Cada ano cambian e amplían os temas. Nesta edición traballouse, entre outras cousas, o Fediverso:
“É un sistema distinto ao que coñecemos de redes sociais, que non se basea nesas grandes empresas privadas que acaparan unha aplicación enteira, senón que a xestión é moito máis democrática.”
Tamén houbo espazo para as radiocomunicacións, coñecendo algunhas bandas libres que calquera usuaria pode empregar para ter as súas propias comunicacións. E, como novidade desta edición, un debate aberto sobre intelixencia artificial:
“Esta tarde imos falar de IA, a ver que tal, porque xa sabemos que vai vir xente de distintas opinións: tanto quen cre cegamente nestas tecnoloxías como quen pensa todo o contrario, super reticente, que cre que nin debería existir. Vai ser interesante atopar os puntos intermedios.”
Os temas, conta Martina, xorden do propio voluntariado: é quen propón, e quen organiza. “A verdade, estamos moi contentas coa participación e a acollida que ten sempre.”
FreeCAD, electrónica, Godot, Blender… e moito máis
Sergio Alvariño é voluntario no Banco de Reciclaxe de Enxeñería Sen Fronteiras e colabora tamén nas actividades da Escola de Verán. Este ano impartiu, xunto con Sebastián Ríos, unha charla sobre FreeCAD, unha ferramenta de software libre para o deseño en 3D:
“A charla non requiría ter coñecementos previos, así que partimos de cero. E na segunda parte, xa con Sebas, mostramos como facer análise de elementos finitos con FreeCAD.”
O Banco de Reciclaxe leva xa dous anos organizando esta escola de verán, e Sergio explica por que:
“Unha das cousas que nos gusta facer é promover o software libre. Aproveitando que en verán a xente non ten tanto que facer e necesita actividades, organizamos esta escola. Pero, ben, o obxectivo principal é que no Banco de Reciclaxe de Enxeñería Sen Fronteiras traballamos con software libre, e é unha forma de promocionalo.”
A oferta de talleres medrou e diversificouse dun ano para outro. Algunhas das temáticas tratadas nestas edicións foron: FreeCAD, un obradoiro de robótica con Sapoconcho, electrónica, Godot, Blender, ofimática con ferramentas como LibreOffice, GIMP ou Inkscape, bandas libres para radioafeccionados, Meshtastic —unha tecnoloxía de comunicación baseada en LoRa—, accesibilidade dixital e tradución de software libre, entre outras.
Encontro dos bancos de reciclaxe electrónica
Ademais dos obradoiros, o 15 de xullo pola noite tivo lugar un encontro dos bancos de reciclaxe electrónica de Galicia: unha cita para quen traballa na reutilización e reparación de equipos informáticos, e unha boa mostra de que a escola vai máis alá da formación puntual, tecendo tamén rede entre quen sostén estas iniciativas ao longo do ano.
Software libre, en aberto e para todos
A Escola de Verán de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia amosa, edición tras edición, que a soberanía dixital e as tecnoloxías libres poden achegarse a calquera público. Non fai falta saber programar nin ter experiencia previa: só ganas de aprender e compartir.
Detrás de cada obradoiro hai persoas voluntarias que dedican o seu tempo para que outras poidan descubrir ferramentas como FreeCAD, Blender, Godot ou Meshtastic, e para que a conversa sobre temas como a intelixencia artificial ou a accesibilidade chegue a públicos moi diversos. Ese é, precisamente, o espírito que move ao Banco de Reciclaxe e a Enxeñería Sen Fronteiras: promover o software libre como ferramenta de transformación social.
Máis información: bancoreciclaxeelectronica.fala.gal
