Mancomún
Martes, 4 Agosto 2026

Igalia: cooperativa coruñesa que sostén boa parte do software libre

PDF

Con sede na Coruña, preto de 150 profesionais e case vinte e cinco anos de historia, esta cooperativa galega traballa nos motores que fan funcionar navegadores, videoconsolas e boa parte da tecnoloxía libre que millóns de persoas usan cada día sen sabelo.

Portada do artigo co logotipo de Igalia e unha foto de grupo de persoas de pé xuntas nun alzado de pedra coa construción ao fondo.

Imaxina que che preguntasen quen fai o traballo técnico que hai detrás de Chrome, de Firefox ou da consola portátil Steam Deck. Probablemente pensarías en Google, en Mozilla ou en Valve. Case nunca pensarías nunha cooperativa de pouco máis de cen persoas con sede na Coruña. E con todo, Igalia leva máis de dúas décadas sendo unha peza clave —aínda que case invisible para o gran público— no desenvolvemento do software libre que sostén boa parte de internet e, cada vez máis, tamén dos videoxogos.

Igalia naceu en setembro de 2001 na Coruña, fundada por un grupo de dez profesionais do software que compartían unha idea pouco habitual na industria tecnolóxica: montar unha empresa sen xefes, sen xerarquías salariais e con toma de decisións en asemblea, dedicada por completo ao software libre. Máis de vinte anos despois, esa cooperativa dá traballo a preto de 150 persoas —moitas delas traballando en remoto desde distintos puntos do mundo— e converteuse nunha das consultoras de software libre máis respectadas do planeta, cunhas contribucións que chegan a proxectos usados por miles de millóns de persoas: motores de navegadores web, compiladores, controladores gráficos ou o propio núcleo de Linux.

Nunha entrevista recente en Código Cero, Alberto García, un dos fundadores da empresa, explicaba en que consiste este traballo: “Igalia é unha empresa especializada en software libre, que é o que pode ser usado e modificado para calquera propósito sen restricións”. A web oficial de Igalia engade que a súa misión é axudar a outras compañías a “utilizalo nos seus produtos, mellorando e adaptando o software existente e creando novas tecnoloxías e estándares abertos”.

Onde traballa Igalia

A lista de tecnoloxías nas que participa Igalia é longa, e boa parte delas están presentes no ordenador ou no móbil de calquera persoa que lea este artigo.

Navegadores web con WebKit e Chromium. Igalia é unha das poucas empresas do mundo, xunto con xigantes como Apple ou Google, con capacidade real para modificar en profundidade os motores que renderizan case todas as páxinas web do planeta. É tamén responsable de WPE WebKit, unha versión de WebKit optimizada para dispositivos con poucos recursos que xa está presente en decenas de millóns de aparellos en todo o mundo: televisores, sistemas de infoentretemento de coches ou electrodomésticos.

Máquinas virtuais e motores de JavaScript. A empresa traballa sobre V8 (o motor que move Chromium e Node.js), JavaScriptCore (o de WebKit) e SpiderMonkey (o de Firefox), ademais de participar en compiladores como LLVM.

Gráficos con Mesa. Igalia contribúe de forma habitual aos controladores gráficos libres para Linux, o que inclúe soporte para OpenGL e Vulkan en múltiples fabricantes de hardware.

Multimedia con GStreamer. Un equipo especializado da empresa mantén e mellora este framework libre de reprodución e procesamento de audio e vídeo, usado en produtos que van desde televisores conectados ata sistemas de videovixilancia.

Kernel de Linux e sistemas embebidos. Igalia colabora tamén no propio núcleo de Linux e en tecnoloxías de virtualización como QEMU, ademais de traballar en accesibilidade dixital.

Estándares abertos. A empresa participa activamente en organismos internacionais como o W3C, ECMA International, WHATWG, IETF ou Khronos Group, definindo como evoluciona a web e os estándares gráficos do futuro.

De Steam Deck a Raspberry Pi: software libre tamén nos videoxogos

Nos últimos anos, unha das colaboracións máis visibles de Igalia foi coa desenvolvedora de videoxogos Valve. A empresa galega participa desde hai anos no desenvolvemento de SteamOS, o sistema operativo baseado en Linux que move a Steam Deck e que Valve está a levar tamén a outros dispositivos. Segundo contaba Alberto García en Código Cero, a colaboración comezou cos controladores gráficos e expandiuse despois a moitas outras áreas: soporte de HDR, cifrado de datos ou conectividade Wi-Fi e Bluetooth, entre outras.

O importante deste traballo é que non queda pechado en SteamOS: as melloras que fai Igalia benefician a todo o ecosistema Linux, non só aos usuarios de Valve. Iso é reflexo dunha política de traballo moi concreta que resume o propio García: “A nosa política é que, se unha peza de software necesita unha mellora, enviámoslla sempre aos autores dese software para que todo o mundo se poida beneficiar”. Baixo esa mesma filosofía, Igalia é tamén a autora dos controladores gráficos oficiais da Raspberry Pi 5 e participa en FEX-Emu, un emulador que permite executar aplicacións x86 en procesadores ARM, ademais de traballar en novo hardware como o visor Steam Frame.

Unha empresa sen xefes

O que fai singular a Igalia non son só as tecnoloxías nas que traballa, senón como está organizada por dentro. É unha cooperativa de traballadores na que as persoas socias participan por igual na xestión e na toma de decisións, mediante unha estrutura asemblearia baseada no consenso. Non hai xerarquía salarial: todas as persoas que forman parte da cooperativa cobran o mesmo, con independencia da súa antigüidade ou do seu posto.

A iso súmanse condicións pouco habituais no sector tecnolóxico: traballo en remoto desde calquera lugar, sete semanas de vacacións pagadas ao ano, oito semanas de baixa parental remunerada, orzamento para equipamento e para espazo de traballo, horarios deseñados polas propias persoas traballadoras e retiros presenciais anuais para que os equipos, moitas veces distribuídos por medio mundo, se poidan coñecer en persoa.

O modelo Igalia

O caso de Igalia demostra algo que moitas empresas tecnolóxicas aínda dan por imposible: que se pode competir no software máis complexo e crítico que existe —motores de navegadores, controladores gráficos, o propio kernel de Linux— sen depender de código pechado nin de licenzas privativas, e facelo ademais desde unha cooperativa sen xerarquías con sede nunha cidade galega.

O seu modelo de negocio tamén desmonta un prexuízo habitual: que o software libre non xera ingresos suficientes para sostener unha empresa. Igalia leva vinte e cinco anos demostrando o contrario, vendendo coñecemento e traballo de enxeñería —non licenzas— a compañías que necesitan que os proxectos libres dos que dependen (un navegador, un controlador gráfico, un sistema operativo) funcionen mellor. E ao devolver sempre esas melloras aos proxectos orixinais, todo o ecosistema sae gañando: desde as grandes tecnolóxicas ata calquera persoa que use un navegador, unha Raspberry Pi ou unha Steam Deck sen sabelo.

Igalia é unha cooperativa de software. Pero a súa forma de entender o traballo e a tecnoloxía podería ser un modelo para moitas outras empresas, tecnolóxicas ou non.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal