Mancomún
Martes, 10 Novembro 2026

PeerTube: control dos teus vídeos

PDF

Con máis de 600.000 vídeos aloxados, 70 millóns de visualizacións e 150.000 usuarias, a alternativa descentralizada ás grandes plataformas de vídeo segue medrando.

A imaxe mostra unha ilustración de estilo cartoon dun personaxe de pulpo cunha expresión sorinte. O personaxe ten un triángulo laranxa como cabeza, con tres seccións de diferentes tons de marrón e branco. Detrás da personaxe, hai unha pantalla de ordenador ou tablet cun fondo laranxa claro e un icono de reprodución de vídeo no centro. Á esquerda da pantalla, vense elementos dunha interface de usuario, como unha barra de menú e un icono de nube. O estilo xeral é minimalista e colorido, cun enfoque nos elementos de deseño simples e amigables.

Un “YouTube” feito á túa medida

PeerTube é unha ferramenta para compartir vídeos creada por Framasoft, unha organización francesa sen ánimo de lucro. A súa idea é sinxela: calquera persoa ou colectivo pode montar a súa propia plataforma de vídeo, con total independencia.

Sen algoritmos opacos, sen políticas de moderación incomprensibles, sen publicidade e sen rastrexo. Cada plataforma é creada, xestionada e moderada por quen a pon en marcha.

Pequenas plataformas, unha gran rede

A diferenza de YouTube, PeerTube non pretende construír unha enorme plataforma centralizada nunha granxa de servidores (algo tremendamente caro). Aposta por unha rede de moitos provedores pequenos, autónomos pero interconectados. Hoxe esa rede reúne máis de 1.600 plataformas e máis de 1.000.000 de vídeos.

Entre os contidos hai de todo: a plataforma de Extinction Rebellion, vídeos e curtametraxes da Blender Foundation, comunidades de divulgación e entretemento, arquivos audiovisuais do museo neerlandés Beeld & Geluid, contidos sobre privacidade e vixilancia de Privacy International ou música baixo licenza libre de artistas independentes.

Tamén no móbil

PeerTube conta cunha aplicación móbil que permite:

  • Explorar o “fediverso” do vídeo: canles e vídeos de moitas instancias nunha única interface.
  • Ver sen présas nin anuncios: reprodutor completo con calidade axustable, subtítulos e pantalla completa, sen rastrexo.
  • Descargar para ver sen conexión, sen subscións premium.
  • Publicar e xestionar vídeos desde o teléfono, editar metadatos e consultar estatísticas.

Software libre e ben común dixital

PeerTube é libre e de código aberto, e non nace con propósito comercial. A súa licenza garante as liberdades fundamentais das usuarias: calquera pode auditar o código, propoñer ideas ou modificalo. Non é unha fórmula segreda de Google ou de Dailymotion, senón un ben común que pertence á comunidade.

Framasoft non gaña cartos con PeerTube: é unha organización de interese público que obtén o 90 % do seu financiamento de doazóns.

Substituír a YouTube? Non, ofrecer algo diferente

Os seus responsables son claros: PeerTube non quere substituír a YouTube, senón ser unha alternativa libre e descentralizada, con outros valores e en paralelo ao existente.

As súas principais vantaxes

Código aberto e licenza libre – Gratuíto: non hai que pagar para instalalo no servidor. – Transparente e auditable. – Mellorable coas achegas de todas as persoas.

Federación de provedores – Descentraliza o almacenamento e o poder de decisión. – Permite mostrar vídeos e contas doutras webs PeerTube. – Baseado en ActivityPub, polo que conecta con ferramentas como Mastodon.

Retransmisión entre iguais (P2P) – Reduce a carga de ancho de banda do servidor cando un vídeo se fai moi popular. – Baseada en WebRTC, tecnoloxía libre para navegadores.

Para quen mira vídeos – Reprodutor adaptable con capítulos e vista previa, na web e no móbil. – Interface personalizable, filtros NSFW e reprodución automática opcional. – Listas, historial, retomar a reprodución, gardar para despois e seguir canles.

Para creadoras de contido – Unirse a comunidades con valores compartidos e exportar/importar contido entre plataformas. – Sincronizar automaticamente unha canle de YouTube, Vimeo, etc. – Estatísticas detalladas, edición (recorte, marca de auga, prólogo/epílogo) e novas versións do vídeo. – Directos con OBS ou calquera software RTMP, con repeticións e interacción coa audiencia. – Varias canles que se poden seguir desde plataformas ActivityPub como Mastodon ou Pleroma.

Para quen administra – Control total mediante complementos e decorados. – Páxina de inicio personalizable con Markdown/HTML e identidade propia. – Xestión de rexistros, límites de subida, roles, denuncias, bloqueos e silenciado de contas ou plataformas. – Transcodificación avanzada de vídeo, incluso con servidores remotos.

Como axudar

Podes colaborar con ideas, suxestións ou código, ou apoiar economicamente a Framasoft. Cada doazón, por pequena que sexa, axuda a manter vivo o desenvolvemento de PeerTube.

Máis información: https://joinpeertube.org/gl

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal