Mancomún
Xoves, 26 Novembro 2026

XIX edición do Premio ao Mellor Traballo de Fin de Estudos Libre

Vídeo

O pasado 16 de outubro, GPUL entregou os galardóns dun concurso que xa leva case dúas décadas animando ao estudantado galego a compartir o seu traballo co mundo.

Un premio con historia

O Premio ao Mellor Traballo de Fin de Estudos Libre naceu en 2007 da man da empresa galega Igalia, que daquela detectou que faltaban profesionais moi especializados en software libre e decidiu poñer o seu gran de area para cambialo. Desde o curso 2011-2012, o premio forma parte do Plan de Acción en materia de Software Libre da Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), e é a asociación GPUL quen o organiza.

Desde 2024 leva tamén o nome de «Premio Especial Alejo Pacín Jul», en homenaxe a un compañeiro e amigo falecido en 2023. Alejo foi activista do software libre en GPUL, tradutor no Proxecto Trasno, enxeñeiro informático incansable e… gaiteiro! Precisamente esa paixón musical inspirou o proxecto co que gañou este mesmo premio en 2018.

Chegan os ciclos formativos

Ata agora, o concurso estaba reservado aos Traballos de Fin de Grao e de Mestrado universitarios. Nesta edición, por primeira vez, abriuse tamén aos Proxectos Intermodulares de Fin de Ciclo de Formación Profesional. Así, o premio abrangue agora tanto a universidade como a FP.

Os cinco finalistas

Despois de avaliar todas as candidaturas, o xurado escolleu cinco proxectos finalistas, que mostran a gran variedade de temas que se poden abordar co software libre:

  • Sergio Goyanes Legazpi – Un sistema para organizar e automatizar a consulta de datos do HFLAV, un grupo internacional de física de partículas.
  • Mateo Aguirre Cancela – CorpusLab, unha plataforma web colaborativa para axudar nas tarefas de anotación en proxectos científicos.
  • Daniel Feito Pin – MQTwister, unha ferramenta de código aberto para pór a proba a seguridade de dispositivos do Internet das Cousas (IoT) que usan o protocolo MQTT, simulando ataques do tipo Man-in-the-Middle.
  • Yago Fernández Rego – Un estudo sobre como se comportan os modelos de linguaxe (a tecnoloxía detrás de moitas intelixencias artificiais) en relación coa diversidade de xénero e a linguaxe non binaria en galego.
  • Rodrigo Dantés González Mantuano – Unha ferramenta para documentar e inventariar redes de comunicación.

E os gañadores son…

Cada finalista presentou o seu proxecto ante o xurado e respondeu ás súas preguntas. Tras deliberar, o xurado escolleu os tres gañadores de entre os cinco finalistas, quedando a clasificación así:

  1. Daniel Feito Pin
  2. Rodrigo Dantés González Mantuano
  3. Sergio Goyanes Legazpi

Os gañadores escollen o seu agasallo, por orde de clasificación, entre un fondo de tres premios.

Que se premia exactamente?

Este non é un concurso só de bo código. O que realmente se valora é como se liberou o traballo: que licenza se escolleu e por que, como se documentou para que outras persoas poidan contribuír, e canto se compartiu coa comunidade. O xurado, formado por persoas vinculadas ao software libre das universidades galegas e da Formación Profesional, ten en conta tres aspectos:

  1. Actividade pública do proxecto: publicar o traballo de forma continuada en repositorios, blogues ou listas de correo, colaborar con outros proxectos e crear comunidade.
  2. Uso axeitado dunha licenza libre: escoller ben a licenza e aplicala correctamente.
  3. Calidade técnica do deseño e da implementación, segundo o nivel educativo.

Para participar, o proxecto debe estar feito cunha linguaxe de programación con implementación libre, ter unha licenza recoñecida pola Free Software Foundation ou pola Open Source Initiative e ter o código dispoñible nun repositorio público. Ademais, se se emprega intelixencia artificial, o modelo tamén debe ser libre e adestrado con datos libres. Os proxectos con hardware libre tamén son benvidos.

Quen queira participar debe ter defendido o seu traballo cunha nota mínima de 5,0, encher un formulario e entregar unha breve memoria (máximo 10 páxinas) explicando o proceso de liberación do proxecto.

Un obxectivo claro

Máis alá dos premios, a iniciativa busca achegar o software libre ao estudantado galego, axudalo a coñecer mellor estas tecnoloxías e abrirlle as portas a empregos de calidade nun sector en pleno crecemento. Sen esquecer, claro, os valores éticos de compartir o coñecemento que hai detrás do software libre.

Desde GPUL felicitan a todas as persoas finalistas, aos gañadores e a todas as que se animaron a presentar o seu traballo, facendo desta unha edición exitosa. A organización agradece tamén a axuda de Melisa e, especialmente, de Rafa Gaioso.

Máis información: gpul.org e premio.gpul.org

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal