Mancomún

A Asociación Informática das Pontes celebra a Amigus Party Verán 2009

Mércores, 15 Xullo 2009

AmigusA Asociación Informática Amigus das Pontes convoca un ano máis o tradicional maratón informático Amigus Party Verán. Esta edición 2009 reunirá entre os días 30 de xullo e 1 de agosto no Lar de Endesa das Pontes os afeccionados ao mundo da informática que desexen pasar no lugar tres días de ocio intensivo arredor dun computador.

O programa de actividades repetirá a fórmula xa constatada como de éxito en anteriores edicións con obradoiros, campionatos de diferentes xogos, entre eles, o xogo de código aberto Nexuiz. Amigus contará para isto coa colaboración do Concello das Pontes, o Grupo de Empresas de ENDESA, Mancomún, a Consellería de Innovación e Industria, Nauta, No Ping e Nodo Dixital.

A inscrición permanecerá aberta ata ás 12:00 horas do día anterior á celebración do encontro, o 29 de xullo, a través do seguinte formulario web.
Amigus Party Verán 2009 abrirá as súas portas o xoves 30 ás 10:00 horas e concluirá o sábado ás 22 horas coa celebración dunha cea de confraternidade, na que tamén se poderán anotar todos os interesados ao longo do encontro.

Segundo adianta a organización, cada participante terá dereito coa inscrición a unha praza na que instalar o seu equipo e a unha conexión á rede eléctrica e outra á de datos. Aconséllase levar monitor, rato, teclado e cable, así como unha tarxeta de rede Ethernet con conexión RJ45, unha regreta de enchufes e cascos, xa que o uso de altofalantes estará totalmente prohibido.

Ademais, recomendan levar almofada, un desaparafusador de estrela “para poder abrir o ordenador” e un CD de instalación do sistema operativo. Os organizadores tamén suxiren crear unha copia de seguranza dos datos importantes.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal