A Asociación de Software Libre de Melide, Melisa, organiza os vindeiros días 13 e 14 de maio un obradoiro de presentación do xestor de contidos web Joomla!, que terá lugar no Centro da Rede de Dinamización de Arzúa. Joomla! é un galardoado sistema de xestión de contidos que permite construír facilmente sitios web e potentes aplicativos en liña. Joomla! tamén era o xestor de contidos que usabamos en Mancomún anteriormente e que mantemos como arquivo para consultas na ligazón http://arquivo.mancomun.org.
O curso terá unha duración total de seis horas, que se impartirán en horario de cinco a oito da tarde en cada unha das xornadas. A asistencia será de balde e os que así o desexen poderán levar o seu portátil para seguir as indicacións prácticas dende este.
Os interesados poden inscribirse enviando un correo á Asociación (melisa.melide @ gmail.com), ou ben chamando directamente ao Centro da Rede de Dinamización de Arzúa (981 500 447), onde se tomará nota dos datos para asistir ao obradoiro.
Joomla en galego
O CMS Joomla atópase dispoñíbel en galego grazas aos esforzos que dende hai tempo veñen facendo membros da comunidade galega de tradución e dos que xa fomos dando conta nesta páxina. A última versión estábel de Joomla, a 1.5.9, foi traducida por voluntarios do Proxecto Trasno e Ciberirmandade.org coa coordinación de Damufo.
Fonte: Melisa
