Mancomún

Install Party de Ubuntu 9.04 na UDC o 14 e 15 de Maio

Venres, 8 Maio 2009

UbuntuA OSL da UDC, acaba de anunciar que os vindeiros 14 e 15 de maio organizará unha Install Party da versión Ubuntu recen publicada, a 9.0.4 “Jaunty Jackalope”.

Este evento celebrarase na primeira planta do Edificio CITIC, no Campus de Elviña, de 17:00 a 20:00 e haberá 25 prazas dispoñíbeis totalmente de balde, que serán cubertas por orde de inscrición. Todos os interesados neste evento teñen dúas opcións para inscribirse: Por teléfono, chamando entre as 8:00 e as 15:00 á extensión 5506. Por email, indicando o nome, DNI, teléfono e día no cal desexa asistir, ao enderezo de correo softwarelibre@udc.es.
Cumprindo co ciclo de lanzamento de Ubuntu, as versións estábeis libéranse cada seis meses e mantéñense en materia de seguridade ata 18 meses despois do seu lanzamento. A versión 9.0.4 de Ubuntu saíu a luz o pasado 23 de abril, co nome de Jaunty Jackalope, xa que a nomenclatura das versión de Ubuntu componse do díxito do ano de emisión e do mes que isto ocorre .

Esta nova versión saíu cunha serie de melloras que fan que a Jaunty Jackalope dea un salto de calidade significativo respecto a outras versións, as características máis relevantes son:

  • Kernel 2.6.28-11.37.
  • Últimas versión dos escritorios máis utilizados. En Ubuntu, GNOME 2.26, en Kubuntu, KDE 4.2.2 e en Xubuntu, XFCE 4.6.
  • Soporte para ext4. Se cadra a mellor característica desta distribución é a inclusión de soporte nativo para ext4. O que aumenta a velocidade de algunhas operacións coma o tempo de arranque.
  • Programas máis actualizados, dos que destaca o OpenOffice 3.0.1 e o Mozilla Firefox 3.0.9.
  • Melloras na interface.
  • Posúe unha utilidade que elimina os paquetes obsoletos e realiza cambios na configuración para mellorar o rendemento.
  • Soporte para tarxetas de rede 3G e acceso mellorado a redes sen fíos.
  • Aceleración EXA para tarxetas gráficas ATI.

Fonte: OSL da UDC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal