Outro ano máis, SourceForge.net organiza o concurso no que decidirá que proxectos libres son os mellores dentro das distintas categorías do concurso.
Para votar aos vosos proxectos favoritos só tedes que visitar a seguinte ligazón: SourceForge.net Community Choice Awards 2009 e votalos na/s categoría/s que desexedes.
Este ano hai novas categorías dispoñíbeis para presentar os proxectos, aparte das xa existentes noutras edicións. A listaxe completa de categorías dos premios é a seguinte:
…
- Mellor proxecto (algúns gañadores anterior foron o OpenOffice.org no 2008 e o 7-Zip no 2007, Azureus no 2006)
- Mellor proxecto para a empresa (OpenOffice.org no 2008, Firebird no 2007 e Zimbra no 2006)
- Mellor proxecto para xogos (XBMC no 2008, ScummVM no 2007,…)
- Mellor proxecto para multimedia (VLC no 2008, Audacity no 2007, XBMC no 2006,…)
- Mellor proxecto novo (Magento no 2008 e Launchy no 2007)
- Mellor utilidade para administradores de sistemas, cun gañador indiscutíbel nas anteriores edicións: phpMyAdmin (2008, 2007, 2006)
- Mellor utilidade para desenvolvedores (Notepad++ no 2008, TortoiseSVN no 2007, Pidgin/Gaim no 2006)
- [NOVA] Mellor proxecto de software libre comercial
- [NOVA] Mellor proxecto para educación
- [NOVA] Mellor proxecto para os gobernos
- [NOVA] O proxecto que che cambiará a maneira de facelo todo.
- [NOVA] Mellor deseño visual
O concurso abriu o proceso de propostas de proxectos hai escasamente dous días (6 de maio), e estará aberto até o 29 de maio. O 22 de xuño anunciaranse os finalistas e comezarán as votacións aos finalistas que rematarán o 20 de xullo. O 23 de xullo anunciaranse os gañadores na OSCON.
Recordade que se poden propoñer proxectos tanto de SourceForge.net como alleos, así por exemplo, se quixeramos poderiamos propoñer o núcleo de Linux coa ligazón http://kernel.org.
Fonte: SourceForge
