gisEIEL é unha aplicación de escritorio que permite a edición, xestión e mantemento da información xeográfica e alfanumérica correspondente á Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL). O proxecto EIEL, de ámbito estatal, insta ás deputacións a realizar un inventario cada dous anos das infraestruturas públicas dos concellos da provincia e de todo aquelo que se refire a prestación de servizos para a cidadanía.
Deste xeito, dase un paso máis cara a mellora no tratamento e difusión da información pública a toda a cidadanía.
Os técnicos do proxecto traballarán, ademais, no desenvolvemento dunha interface web para que os cidadáns poidan consultar a base de datos da EIEL a través da Rede. Desta forma, a EIEL desenvolta pola Deputación e a Universidade da Coruña será “pioneira a nivel europeo e única en España”, segundo explicou o xefe do servizo provincial de Cooperación e Asistencia a Municipios, Francisco Freire.
Xoan Cabo , deputado responsable da área de Cooperación e Asistencia a Municipios, acompañado polos técnicos Francisco Freire e Pedro González, e o profesor da Universidade da Coruña, Miguel Luaces, facían onte pública esta información en rolda de prensa. No transcurso da mesma, Cabo asegurou que “ata o ano pasado, ambas aplicacións estaban construídas sobre a base de pezas de software comercial; pero en 2006 decidiuse migralas a software libre para aproveitar as potencialidades que esta modalidade de realización do software permite».
Deste xeito, a apertura a Software Libre desta aplicación suporá beneficios en diversos frontes. Por unha banda, dado que os traballos relacionados coa EIEL se realizan en colaboración coa Universidade da Coruña, o software libre permitirá que o alumnado, profesorado e persoal investigador da institución académica teñan tamén libre acceso ao código fonte das aplicacións, permitíndolles estudalas, modificalas e personalizalas, o que abre unhas posibilidades docentes que o software comercial non permite.
Por outra parte, a Deputación cumprirá así coas directrices da Unión Europea, que insta ás administracións supramunicipais a elaborar, facilitar e compartir a información de servizos e equipamentos de que dispón cos concellos e á publicación telemática desta a través dun sistema de información xeral integrado.
Tras a presentación aos medios de comunicación, Xoán Cabo e os técnicos provinciais e da Universidade da Coruña mantiveron unha reunión informativa con técnicos e concelleiras de diversos concellos da provincia para explicarlles con detalle as novidades e utilidades desta ferramenta informática.
Fonte da información: Deputación da Coruña
