A finais do 2008, publicarase LSB 4.0 coa intención de que os distribuidores poidan desenvolver aplicacións para ser utilizadas en calquera distribución que cumpra co estándar LSB. Se o estándar se logra facer un oco entre as moitas distribucións de GNU/Linux, podería ser o inicio dunha nova era en canto ao desenvolvemento de aplicacións.
O obxectivo da LSB é desenvolver e promover un conxunto de estándares que aumentarán a compatibilidade entre as distribucións de Linux e permitirán que os programas poidan ser executados en calquera sistema que os cumpra.
Segundo o director executivo da Fundación Linux, Jim Zemlin, «É criticamente importante para Linux ter unha forma sinxela para que os desenvolvedores poidan escribir código para calquera distribución Linux, sexa Red Hat, Ubuntu ou Novell».
A LSB especifica: librerías estándar, un conxunto de ordes e útiles que estenden o estándar POSIX, a estrutura xerárquica do sistema de ficheiros, os niveis de execución e varias extensións ao sistema gráfico X Window.
LSB define o conxunto central de API (do inglés Application Programming Interface ou Interface de Programación de Aplicacións) e bibliotecas, de forma que os distribuidores independentes poidan desenvolver aplicacións que poidan funcionar en calquera distribución de GNU/Linux certificada para LSB. A Fundación Linux actualizou LSB por última vez en febreiro coa versión 3.2.
