Mancomún

A ONU recoñece a Galiza como referente internacional do software libre

Venres, 26 Setembro 2008

OSOR

O modelo colaborativo implantado por Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información -departamento da Consellaría de Innovación e Industria dirixido por Helena Veiguela- ven de ser sinalado por un estudo da ONU como referente  internacional para  implantación efectiva das tecnoloxías abertas. Así o pon de manifesto o estudo casuístico elaborado pola Universidade das Nacións Unidas e que ven de ser publicado polo Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR).

O estudo elaborado expón detalladamente as características do noso centro así como a súa evolución histórica dende os seus comezos até a súa recente conversión en Centro de Referencia e Servizos de Software Libre. Entre outras apreciacións, o documento destaca a importancia do papel desenvolvido por Mancomún como elemento dinamizador e catalizador do Software Libre en Galiza. Segundo se expón no texto, “o goberno galego traballou durante os dous últimos anos para coordinar as diferentes iniciativas que xa existían en Galiza de xeito disperso, ofrecéndolles un punto de encontro e facilitando a colaboración entre eles”.

O informe fai un percorrido pola historia da Mancomún, analizando a súa traxectoria, a través da reseña de distintos convenios asinados, a especificación do de persoal adicado ou do investimento orzamentario destinado ao mesmo. Todo isto para lograr múltiples obxectivos, entre os que o destacan, en opinión dos autores do estudo, a implicación decidida da administración galega no fomento do Software Libre con políticas de subvencións claramente partidarias cara ás tecnoloxías abertas, a localización ao galego de numerosas aplicacións básicas para o uso da PEME así como para o uso doméstico, ou o creación e mantemento dun repositorio propio de Software Libre en Galiza (A Forxa).

Os expertos destacan o feito de que Mancomún estea entrando “nunha nova etapa da súa existencia, ao pasar de ser un portal de contidos a converterse nun centro de referencia en tecnoloxías de código aberto en Galiza”. Para este novo período, o informe fala do establecemento de dous grandes propósitos. Por unha banda, a creación dun metapaquete, que permitirá a instalación de xeito rápido e sinxelo de todo un escritorio de oficina en galego e con Software Libre. E por outro lado, a promoción do uso das aplicacións libres entre a PEME galega.

Este estudo casuístico, realizado por un grupo de investigadores do centro tecnolóxico UNU-MERIT en Maastrich (Holanda), pon de relevo o interese que está a espertar o traballo realizado dende o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) como unha iniciativa de éxito. Non só en Galiza e en España senón tamén, como se deixa constancia no propio informe, “no resto de Europa, Brasil e outras rexións de Latinoamérica”.

Mancomún coa PEME galega

O estudo adica tamén un extenso apartado a expoñer a realidade socio-económica galega con especial fincapé no fenómeno da PEME. “Ao igual que sucede en moitas outras rexións europeas, o índice de pequenas e medianas empresas na economía galega ronda o 95%” , expoñen os expertos.

Ao seu entender, o uso de Software Libre e a aplicación de políticas europeas favorables á implantación de estándares abertos é a única forma viable para acadar o despegue do tecido empresarial galego e o seu desenvolvemento sustentable. E eloxian, neste aspecto, a aposta decidida de Mancomún por introducir o Software Libre entre a PEME galega.

Nesta liña, o informe fai mención a axuda prestada por Mancomún para a creación de Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), así como outras iniciativas de gran repercusión como, por exemplo, a creación do DVD “Ferramentas informáticas para a PEME”.

Unha aposta do goberno pola interoperabilidade administrativa

Os investigadores europeos inciden no carácter gobernamental de Mancomún, por consideralo algo pouco común en Europa. Segundo explican, esta iniciativa atopa a súa xustificación na aposta decidida da Consellaría de Innovación e Industria pola interoperabilidade administrativa, a cal debe ser sustentada en estándares abertos e plataformas tecnolóxicas de código libre.

Baixo esta mesma idea, o informe alude tamén ao Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), iniciativas como a Rede de Dinamización da Sociedade da Información ou participación galega no desenvolvemento do Marco de Interoperabilidade Europea (EIF).

Texto completo do informe (.pdf)

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal