Mancomún

Mancomún tende pontes coa comunidade lusófona de SwL co patrocino do BrOffice

Luns, 29 Setembro 2008

O evento seguirase por videoconferencia o vindeiro 3 de outubro nun total de 27 cidades brasileiras, así como en Paraguai e en Portugal, ademais de en Galiza.

Logo BrOffice
Co propósito de aunar os esforzos do traballo colaborativo de toda a comunidade lusófona de fontes abertas, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún -promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, departamento da Consellaría de Innovación e Industria dirixido por Helena Veiguela-, retransmitirá o vindeiro 3 de outubro en Santiago de Compostela a terceira edición do BrOffice.org 2008 con sede en Brasil. Este evento, do que Mancomún é patrocinador oficial, contará coa participación da comunidade galega, a cal poderá seguir e intervir por videoconferencia, grazas ao soporte achegado polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

O BrOffice.org é un evento de carácter e alcance internacional no que se dan cita as personalidades máis destacadas no ámbito das aplicacións informáticas libres co obxecto de promover a participación dos usuarios nas liñas de desenvolvemento destes proxectos. Na súa terceira edición, o BrOffice.org 2008, dará cabida no seu programa a relatores de relevancia como o responsable do proxecto OpenOffice.org, Louis Suares-Potts, ou o do propio proxecto BrOffice.org, Claudio F. Filho.

O evento será transmitido por vídeo-conferencia nun total de 27 cidades en Brasil, ademais de puntos en Portugal, Paraguai e Galiza. Dado as dificultades derivadas da diferencia horaria de cinco horas con Brasil, os asistentes só poderán seguir parcialmente a retransmisión do evento. Deste xeito, a videoconferencia dará comezo en Santiago de Compostela ás 14:30 horas e prolongarase até as 21:30 horas, coincidindo co descanso previsto pola organización en Brasil.

O coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Xesús M. Benítez Baleato, pechará a retransmisión en Galiza cunha intervención que poderán seguir todas as cidades conectadas ao evento. Neste breve discurso, Baleato incidirá na relevancia de tender pontes entre as comunidades lusófonas, co fin de restaurar os vínculos naturais coas comunidades que comparten a nosa mesma raiz cultural e lingüística e beneficiarse, así, das vantaxes socio-económicas desta irmandade histórica.

Os interesados en participar no encontro deberán achegarse na data sinalada ao Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (campus Sur) de Santiago de Compostela, previa confirmación de asistencia no enderezo eventos @ mancomun . org

BrOffice.org

O proxecto do BrOffice.org xurdiu no ano 2001, cando a comunidade brasileira de Software Libre iniciou o contacto cos desenvolvedores de OpenOffice.org para iniciar os traballos voluntarios de tradución ao portugués desta suite ofimática. Neses comezos a iniciativa recibiu o nome de OpenOffice.org.br, o cal derivou posteriormente no proxecto independente que é hoxe en día.

Segundo explicou o responsable do BrOffice.org, Claudio F. Filho, nunha entrevista publicada recentemente nun portal sudamericano. a iniciativa para a localización deste paquete ofimático baseouse tanto en cuestións socio-económicas como de carácter tecnolóxico. “Unha copia de Microsoft Office custa o equivalente a dúas toneladas de soia ou sete toneladas de laranxas, aproximadamente. Non obstante, estes produtos xeran empregos que alimentan familias enteiras”, alega Filho.

O encontro do BrOffice.org busca compartir a experiencia brasileira co resto da comunidade internacional co fin de acadar melloras que repercutan no usuario final tanto en Brasil como no resto do mundo.

OpenOffice.org en galego

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, leva achegando, dende o ano 2006, á sociedade galega a versión no noso idioma do paquete ofimático libre OpenOffice.org. Esta ferramenta realiza funcións semellantes aos do popular Microsoft Office, coa vantaxe de que OpenOffice.org é gratuíto e de código aberto, o que permite a súa modificación para beneficio do usuario.

Dende que a localización foi asumida por Mancomún foron moitas as melloras incorporadas ao proxecto para toda a sociedade galega. Entre elas o desenvolvemento dun corrector ortográfico en galego ou o do Golfiño, sendo o primeiro corrector gramatical para OpenOffice.org deseñado no estado español.

O paquete libre está dispoñible para computadores con Linux, Windows e MacOS. As distintas versións poden descargarse gratuitamente no portal de Mancomún.

 

 

 

 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal