Mancomún

A UE escolle o modelo galego para a posta en marcha do Observatorio e Repositorio Europeo de SwL

Luns, 30 Xuño 2008
  • Mancomún ven de participar na presentación do OSOR en Bruxelas por convite da Comisión Europea a través da IDABC
  • Mancomún convértese en referente europeo, sendo un dos precursores na implantación deste modelo de éxito
logo_osor

 O Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR), presentado recentemente polo IDABC en Bruxelas, reproduce miméticamente a estrutura de Mancomún, como un modelo de éxito aplicado en Galiza dende fai máis de dous anos. Esta estrutura baséase nun portal que permite a todas as institucións, organismos e persoas, a título individual, compartir o Software Libre que producen, así como intercambiar recursos e coñecementos na materia a través de servizos de observación tecnolóxica e colaborativos. A Forxa de Mancomún é unha das forxas asociadas á plataforma europea dende o seu inicio.
Segundo explica o coordinador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, “o feito de que o modelo escollido finalmente pola Comisión Europea para poñer en marcha o OSOR reflexe tan claramente a estrutura proposta dende Galiza a través de Mancomún demostra o acerto da estratexia de promoción do Software Libre seguida pola Consellaría de Innovación e Industria, buscando fortalecer un tecido TIC endóxeno capaz de fornecer a necesaria independencia tecnolóxica que permita abastecer tecnoloxicamente aos distintos sectores produtivos do noso país”.

Mancomún convértese, así, en referente europeo en materia de Software Libre, ao contribuír no asesoramento e o desenvolvemento de proxectos europeos orientados á maior difusión e implantación das tecnoloxías abertas.

Tal e como sinala Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, principal entidade promotora do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, “trátase non só de que Galiza sexa consumidora senón tamén de que sexa produtora de recursos e servizos na Sociedade da Información e do Coñecemento”.

Presentación do OSOR en Bruxelas

O portal do Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (www.osor.eu) foi presentado recentemente en Bruxelas polo IDABC nun acto ao que foron convidados máis de 40 representantes de toda Europa, entre eles o coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Xesús Manuel Benítez Baleato.

No evento participaron tamén Jesús González Barahona, investigador da Universidad Rey Juan Carlos; Elena Muñoz, do Centro de Transferencia de Tecnoloxía do Ministerio de Administracións Públicas; Ismael Olea, dinamizador da comunidade de Software Libre de epractice.eu.; e Carolina Grau, directora do CENATIC.

Durante o encontro debateuse sobre as posibilidades que abre a propia plataforma, sobre os proxectos de éxito incluídos no repositorio, ademais da futura orientación que adquirirá o proxecto.

Así mesmo, presentouse a imaxe do portal que, de xeito anecdótico, incorporará na súa cabeceira ilustracións de abellas. O coordinador da iniciativa, Karel de Vriendt, bromeou a este respecto afirmando que “algunha xente expuxo que o das abellas podía non ser unha boa idea xa que lembra ás nésperas; tamén de min di algunha xente que son coma unha néspera pero non hai problema: para iso é que me pagan”.

Está previsto que a versión definitiva da plataforma sexa presentada ao público en xeral no marco da Conferencia Mundial de Software Libre, que terá lugar en Málaga no vindeiro mes de outubro.

Arquitectura do Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR)

A arquitectura do OSOR está construída sobre Plone e Gforge, almacenan non soamente código fonte e aplicacións listas para o seu uso, senón tamén documentación sobre estas, información sobre as distintas licenzas de Software Libre e material sobre a contratación de servizos relacionados con tecnoloxías abertas. Esta arquitectura permita albergar, de forma semellante a como o fai Mancomún, servizos adicionais aos do propio repositorio, como calendario de eventos, novas máis destacadas, foros e outros servizos colaborativos ademais dos vencellados ao Observatorio.

O proxecto admite tanto software gratuíto, libre e de código aberto que é distribuído baixo as licenzas recoñecidas pola Fundación de Software Libre (FSF) ou pola Iniciativa de Código Aberto (OSI), ademais do código que é lanzado baixo a Licencia pública da Unión Europea (EUPL)

A iniciativa inaugura o intercambio de información, experiencias e código fonte de Software Libre entre as distintas administracións públicas a través da nova plataforma. A apertura deste fluxo permitirá aos membros da Unión Europea mellorar o retorno dos seus investimentos en tecnoloxías da información, así como facer as súas aplicacións máis interoperables.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal