Mancomún participou en calidade de convidado na xornada informativa sobre a nova versión do Marco de Interoperabilidade Europea, EIF Info Day 2008, que se celebrou o pasado día 25 de xuño en Bruxelas. O coordinador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, asistiu ao encontro como membro do Grupo de Expertos do IDABC, representando así á única administración autonómica do Estado presente na sesión.
O evento, inaugurado polo director xeral de Informática da Comisión Europea, Francisco García Morán, tivo como obxectivo expoñer os principais retos que se lle presentan á Unión Europea en materia de interoperabilidade e afondar nas medidas a adoptar para a acadar a súa consecución entre todas as administracións. O Marco de Interoperabilidade Europeo (EIF) rexerá estes principios como documento guía de traballo.
Morán destacou a relevancia da implantación dos Servizos Panaeuropeos de Administración Electrónica para a construción de Europa e salientou a valor do EIF para o establecemento dunha estratexia conxunta. Segundo dixo, “o EIF engade un plano técnico ao proceso de construción de Europa, sendo tan relevante como o plano político ou legal existentes dende os anos 50”.Esta mesma perspectiva xa fora exposta polo coordinador de Mancomún nun artigo publicado pola Comisión Europea con ocasión da presentación do SEMIC, o que pon de manifesto a concordancia existente entre as políticas industrias desenvolvidas polo goberno galego en materia TIC coas promovidas pola Unión Europea.
A última versión do EIF darase a coñecer este mes e definirá os principios de comunicación entre as tres principais institucións comunitarias: a Comisión, o Parlamento e o Consello. Segundo explicou Karel de Vriendt , xefe de área do IDABC, “a revisión do EIF era precisa pola necesidade que había de reflexar as distintas materias no seno europeo e o de resaltar o carácter suplementario do EIF ao respecto dos marcos estatais de interoperabilidade”.
Ao longo do evento puidéronse concretar estas ideas a través da exposición de iniciativas destacadas en Europa en materia de interoperabilidade: a grega, centrada no concepto de rexistro de servizos; a holandesa, en relación aos acordos das distintas instancias da administración pública, así como a italiana e a española, polo seu enfoque no aspecto legal da interoperabilidade.
Estas presentacións correron da man de Antoni Stasis, enxeñeiro informático do Ministerio de Interior grego; Francesco Tortorelli, director de Interoperabilidade e Cooperación aplicada, CNIPA; Sander Zwienink, asesor estratéxico do Foro de Estandarización e Miguel Amutio, xefe de área do Ministerio de Administracións Públicas.
Amutio, representando a experiencia española centrouse no papel da Lei 11/2007 de Acceso Electrónico da cidadanía aos servizos públicos e nas súas consecuencias á hora de atopar infraestruturas comúns, así como de xestionar a definición dos catálogos de estándares que habiliten a posta en marcha de servizos de goberno electrónico.
E salientable tamén o relatorio de Lars Bestle das Nacións Unidas, quen ofreceu un panorama enriquecedor das distintas políticas de interoperabilidade no mundo, en especial as asiáticas e as chinesas.
A xornada completouse cunha sesión de “networking” e unha posta en común entorno ao borrador do novo EIF. Nesta exposición interviron Serge Novaretti, Michael Kulbickas e Fréderic Poncin, que afondaron na importancia do Software Libre e dos estándares abertos para a interoperabilidade, ratificando a aposta da Unión Europea polas tecnoloxías abertas e por iniciativas como a do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre.
Baleato valorou a intervención de Mancomún no evento de xeito moi positivo, asegurando que “foi unha ocasión única para tomarlle o pulso á Unión Europea nun contexto de cambio de ciclo económico e dúbidas sobre o proceso constitucional. Se ben as pulsións e os excesos neoliberais son evidentes nalgunhas áreas operativas da Comisión, o certo é que a Dirección Xeral de Informática e moi especialmente a IDABC están demostrando ser capaces de continuar a sentar os alicerces do proceso de construción da Unión Europea nun ambiente pouco propicio de eurofobia e de euroescepticismo sen dúbida dramatizados”.
