A Gran Canaria Desktop Summit, que congrega este ano baixo un mesmo escenario a Guadec e a Akademy, continúa a celebrarse estes días ata o vindeiro día 11 de xullo na illa de Gran Canaria. As actividades programadas para este gran encontro, con máis de mil asistentes, conta cun amplo repertorio de seminarios e obradoiros, entre os que estará esta semana o impartido polos alumnos do Máster de Software Libre Caixanova.
A iniciativa, financiada por Caixanova, permitiralles aos estudantes desta edición do Máster presentar na Guadec-es o traballo que foron realizando de modo colaborativo ao longo das sesións de desenvolvemento do programa formativo: “Tarefas, the small lightweight open-source task manager for GNOME” . Na súa exposición falarán tanto da arquitectura e aspectos técnicos do aplicativo como da metodoloxía seguida para organizar as sesións.
Con esta práctica, os alumnos participarán da conferencia e coñecerán de primeira man a moitos dos gurús das comunidades de software libre.
Durante a anterior edición do Máster, os estudantes puideron vivir una experiencia similar asistindo ao FOSDEM 2008, un dos máis importantes congresos europeos de software libre, onde presentaron un relatorio titulado “Quality and Libre Software: a theorical and practical approach“.
Previamente á intervención dos alumnos do Máster, estará tamén un membro da empresa Igalia, Enrique Ocaña, presentando o aplicativo Meiga.
Fonte: Máster de Software Libre
