Mancomún

Canarias acollerá un dos maiores congresos de software libre

Martes, 16 Decembro 2008

Como xa anunciaba Mancomún o pasado mes de xullo, o Cabildo de Gran Canaria acollerá o vindeiro verán un dos maiores congresos de software libre, a Gran Canaria Desktop summit: Guadec+Akademy 2009. Serán, en realidade, dous congresos paralelos, os das dúas maiores comunidades que desenvolven escritorios para Linux -KDE e Gnome- e que por primeira vez buscarán tamén espazos de traballo en común.O encontro, que reunirá a máis dun milleiro de programadores de todo o mundo, terá lugar entre o 3 e o 11 de xullo.

Ao longo destes días membros da comunidade de GNOME a KDE están a visitar a illa co propósito de manter diversos encontros co equipo de organizadores locais e preparar adecuadamente o encontro.

Gran Canaria aloxa este encontro despois de gañarlle a partida á candidatura da Coruña presentada conxuntamente pola Universidade da Coruña, Igalia e GPUL (Grupo de Usuarios e Programadores de Linux). Os desenvolvedores de KDE e GNOME valoraron a ubicación xeográfica de Gran Canaria, tal e como explica Sebastian kügler, de KDE, un dos seus organizadores, polo apoio do Cabildo da illa, así como pola relativa fortaleza do Arquipélago en materia de sotftware libre -só nos colexios hai 35.000 aplicacións que funcionan con Linux-. «Ademais, todos os asistentes estarán encantados de vir a un sitio así», engade o directivo de Gnome, Dave Neary.

Está previsto que ao encontro asistan un milleiro dos mellores programadores do mundo, empresas tan coñecidas como IBM, Google ou Nokia, e estudantes e profesionais do sector da informática interesados nestoutra forma de entender o desenvolvemento do software.

O obxectivo do Congreso é traballar nas novas versións de ambos os escritorios, pero está aberto a todos os interesados en coñecer a trastenda da informática. “Quen veña poderá entrar até a nosa cociña, porque non gardamos secretos sobre a nosa teconología” promete Kügler. Ademais dos grandes patrocinadores a nivel mundial, o Congreso contará coa colaboración das dúas universidades canarias e outras institucións locais.

Fonte: Canarias7

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal