Mancomún

Castrelo de Miño dispón dende onte dun novo Centro da Rede de Dinamización

Martes, 9 Setembro 2008

Fernando Blanco asegura que o centro priorizará as aplicacións de Software Libre e en galego

Rede de Dinamización
Castrelo de Miño

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, acompañado do delegado provincial da consellería, Xosé Antón Jardón Dacal, e mailo alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez Méndez inauguraron onte o novo Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Castrelo de Miño.

Este centro está totalmente equipado para que o persoal dinamizador da Rede de Dinamización poda achegar á poboación as Novas Tecnoloxías. Compoñen o equipamento da aula once computadores, unha impresora a cor, un proxector con pantalla e unha cámara de fotos dixital.

En total, o investimento realizado pola Consellería de Innovación e Industria ascendeu a 157.795,88 €, co que se financiou o Centro da Rede de Dinamización e se forneceu a infraestrutura necesaria para dotar de sinal Wimax para todo o conxunto do Concello. Segundo explicou o conselleiro, o desenvolvemento deste proxecto estenderase ao ano 2012 e nel primaranse as aplicacións de Software Libre e en galego.

Do investimento global, 20.000 euros destínanse a que os veciños poidan adquirir equipos informáticos para a súa conexión a internet. O obxectivo do proxecto pasa por mellorar os niveis de utilización das novas tecnoloxías no país, fundamentalmente en zonas rurais coma esta, nas que o espallamento da poboación e as dificultades de acceso a internet provocan un menor grao de utilización da rede.

A Rede de Dinamización en Castrelo de Miño

Desde marzo de 2008 a Rede de Dinamización vén levando a cabo no Concello de Castrelo de Miño unha serie de actividades, como obradoiros, charlas, cursos de formación externa, adaptándose ás necesidades dos colectivos sociais para lograr un achegamento nas Novas Tecnoloxías daqueles máis desfavorecidos.

En concreto organizáronse un total de 30 obradoiros nos que participaron 79 persoas. Estes obradoiros foron de índole tecnolóxica variada, aínda que os máis demandados foron os referidos á iniciación á Internet, á informática e ao procesador de textos con Software Libre.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal