
O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), asumirá a partir de agora as tarefas de observación e seguimento da situación do software libre en Galiza, en colaboración con Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre.
O Observatorio, creado no marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI),o obxectivo de informar sobre o desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) en Galiza.
Desta volta, o OGSI avaliará o grao de implantación do software libre nas empresas galegas -cun estudo específico das empresas de informática-, nos centros de ensino e nos concellos de Galiza no ano 2008. Ademais, esta análise completarase cun estudo comparativo dos catro ámbitos de observación citados.
Este traballo dá continuidade ás enquisas e informes realizados por Mancomún nos anos 2006 e 2007, de xeito que se establece un marco comparativo que permite estudar a evolución experimentada no uso do software libre despois de case 3 anos, medindo o impacto das iniciativas desenvolvidas para a promoción do software libre.
As enquisas inclúen, entre outros, indicadores estatísticos relativos ao equipamento e utilización do software libre nos postos de usuarios e en servidores, formación e xestión informática en software libre e visión xeral deste tipo de software.
Os resultados deste proxecto tratarán, así mesmo, de proporcionar propostas e directrices que sexan de utilidade para o deseño do políticas de actuación e fomento do software libre por parte das entidades e institución galegas.
O Observatorio, promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, tamén está a elaborar as enquisas sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e a comunicación en Galiza correspondentes ao ano 2008
Todos os informes das enquisas estarán ao dispor dos cidadáns, que os poderán consultar a través da páxina web do Observatorio www.ogsi.sociedadedainformacion.eu.
