Mancomún

Consellos para unha migración a Linux

Martes, 21 Xullo 2009
Como migrar a Linux, consellos e ideas para unha migración con éxito é un artigo baseado na experiencia da migración dunha PEME (Rentalia.com) a un contorno no que todos os postos de traballo teñen instalado un sistema operativo Linux.

Este compendio de consellos e ideas está estruturado nos seguintes apartados:

Vantaxes de Linux

Entre as vantaxes de migrar a Linux, o autor comenta as seguintes: haberá un menor gasto en recursos informáticos, o departamento técnico pasará menos tempo reparando problemas, e os empregados da empresa terán computadores máis rápidos con menos problemas, así que traballarán de forma máis eficiente.

Como comezo a migración a Linux?

Primeiro, necesítase información sobre o software e o hardware: que aplicativos xenéricos se están a empregar, separados en dúas categorías: “aplicativos de usuario” (Internet Explorer, ofimática…)e “servizos” (Exchange, IIS…). Logo, deberemos saber que aplicativos personalizados se están a empregar (eses aplicativos en Visual Basic, aplicativos propios en Access…). Finalmente, deberemos revisar os controladores de dispositivos de hardware.

Atopamos nesta sección útiles consellos: se non atopamos un substituto para os nosos aplicativos, sempre poderemos executalos nun equipo con Windows conectado á rede e acceder a el cun aplicativo como rdesktop, por exemplo. Outro consello moi útil é o de non apresurarse máis da conta. Se non podemos migrar un aplicativo agora, xa atoparemos o momento. Todos os aplicativos necesitan ser actualizados e modificados, e podemos aproveitar o momento deses cambios para adaptalos ás nosas novas necesidades.

Os controladores de dispositivos: Hai fabricantes que ofrecen compatibilidade con Linux de forma oficial. Moitos outros dispositivos son igualmente compatíbeis. Deberemos comprobar que o noso hardware funcione en Linux.

Vale, a teoría témola aprendida. E agora que?

Débense ter en conta varias cousas. Primeiro: o tempo é o noso aliado. Non debemos fixar de saída unha data límite para a migración. E hai que ter en conta que o persoal dunha empresa normalmente só quere poder facer o seu traballo, así que será mellor planear a migración en datas que non sexan as máis atarefadas.

O equipo de informáticos será quen leve a cabo todo isto, así que deben ser os primeiros en usar Linux. Despois virá a parte máis complicada: Linux para os usuarios non técnicos.

Un consello do autor é facer a migración por etapas: na primeira instalaranse os novos aplicativos xunto cos vellos en Windows. Na segunda, só os novos programas estarán instalados, aínda sobre Windows. E a terceira etapa, na que se eliminará Windows e se instalará Linux.

Apéndice I: distribucións de Linux

Neste apartado, o autor coméntanos exemplos do que el chama "distribucións de escritorio" (Ubuntu, Fedora, Mandriva), e de "distribucións de servidor" (entre as que cita a Debian ou CentOS. Eles están a empregar Ubuntu como distribución, e recoméndalla a todo o mundo.

O autor comenta tamén que existe a posibilidade de obter servizos de asistencia pagados, nomeando a Suse ou RedHat.

Trátase, en resumo, dunha moi boa lectura para alguén que estea pensando en migrar unha PEME a Linux

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal