Un grupo de ata un total de 21 empresas andaluzas constituíronse recentemente oficialmente como a Asociación de Empresas de Software Libre de Andalucía “Anda Libre”.
Segundo especifican os estatutos do novo colectivo, AndaLibre nace cos obxectivos de promocionar, defender e divulgar de forma xeral o uso prioritario de “a máis rompedora tecnoloxía do século XXI en informática, o Software Libre, especialmente no ámbito das empresas e entidades públicas e privadas radicadas en Andalucía”.
Así mesmo, o colectivo buscará defender o uso de estándares abertos en calquera ámbito e especialmente nas Administracións Públicas; de fomentar a investigación e o desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en software libre, contribuíndo así a un mellor desenvolvemento empresarial e territorial; de servir como interlocutor válido ante a Administración Pública; e, finalmente, de colaborar e cooperar con outras organizacións autonómicas, nacionais e internacionais coas que se coincida nos fins.
Para iso, AndaLibre levará a cabo acciones encamiñadas ao fomento, promoción, comunicación, investigación, comercialización e desenvolvemento do software libre, atendendo especialmente ao ámbito dos servizos empresariais, profesionais e institucionais, potenciando a súa imaxe e pondo en marcha mecanismos de cooperación entre empresas de software libre, ademais da colaboración co resto de posibles actores implicados para a consecución dos seus obxectivos.
AndaLibre incorporarase ademais, como capítulo territorial representante de Andalucía, á Asociación Nacional de Empresas de Software Libre Federadas (ASOLIF).
AGASOL en Galicia
O pasado mes de setembro constituíase na mesma liña AGASOL, a Asociación de empresas Galegas de Software Libre.
Agasol é unha iniciativa de empresas galegas de software libre que se agrupan nunha asociación para intentar acadar maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores dun sector en fase expansiva en Galicia e, ao tempo, promocionar un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos.
Fonte: CENATIC
