Mancomún

Curso intensivo i-MATH de SwL orientado a ciencias e enxeñería

Luns, 2 Xuño 2008
i-mathCo propósito de amosar a gran capacidade actual do Software Libre para resolver problemas estándar no eido das ciencias e da enxeñaría, o Nodo CESGA organiza o Curso Intensivo i-Math de Software Libre.

Este curso, orientado a investigadores, técnicos de empresas e alumnos de grao e Máster, centrarase na análise de paquetes de software moi testados e de gran difusión no contexto académico e que van dende software matemático básico até software máis avanzado con orientación cara a Matemática Discreta, a Estatística, o Deseño Asistido por Ordenador ou a Simulación Numérica de diversos procesos físicos que poidan chegar a acoplarse entre eles.

O curso desenvolverase entre os meses de xullo e setembro nas distintas localidades dos organismos implicados no proxecto. A docencia de cada materia será presencial e levarase a cabo nunha semana, cunha duración de 30 horas lectivas, das cales 20 horas son teórico-prácticas e 10 horas se dedicarán á elaboración dun traballo.

A inscrición pode facerse a través da páxina web do Nodo CESGA e os prezos oscilan entre a gratuidade para os membros das institucións organizadoras ata os 250 euros para outros participantes. A este respecto, concederanse até tres axudas en cada unha das edición co propósito de costear gastos de viaxe e aloxamento.

O curso componse das seis materias seguintes:

  • Software Matemático Básico (SMB) coa introdución a Octave, Maxima e Python
  • Deseño Asistido por Ordenador (CAD) con Salome
  • Simulación Termomecánica de Procesos: Code-Aster (STM)
  • Simulación en Multifísica: ELMER (SMF)
  • Contorna Estatística R (EER)
  • Software en Matemática Discreta (SMD)

Máis información na páxina do Nodo CESGA.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal