O creador de Linux optará por segundo ano consecutivo a este galardón
Linus Benedict Torvalds, enxeñeiro de software finlandés, coñecido por desenvolver a primeira versión do kernel (núcleo) do sistema operativo Linux, foi proposto como candidato a recibir o premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2008.
Con esta nominación, o “creador” de Linux concorre por segundo ano consecutivo a este galardón, co que finalmente se premiou, na pasada edición, á candidatura conxunta do biólogo español do Centro Superior de Investigacións Científicas Ginés Morata e do británico Peter Lawrence.
Nesta ocasión, Torvalds tampouco o terá fácil. Xunto ao seu nome están outros de gran relevancia no eido científico e tecnolóxico como o do británico James Lovelock, que lanzou a “teoría Gaia” que establece que a terra funciona como un organismo vivo, o bioquímico belga Eric de Clercq polos seus descubrimentos para facer fronte a enfermidades virais ou a organización meteorolóxica mundial.
Serán ata un total de 43 persoas ou organizacións, ás que se engadirán as que propoñan os membros do xurado ao inicio das deliberación o 3 de xuño, un día antes do fallo. Os premios serán entregados en outubro no Teatro Campoamor de Oviedo.
A importancia e popularidade de Linux no mundo tecnolóxico e informático mundial é indubidable e crece rapidamente. Estímase que os ingresos por software de servidores, escritorios ou empaquetados que corren baixo Linux (ou servizos complementarios) acadarán 36.000 millóns de dólares en 2008.
Fonte: Lne.es
