Mancomún

Educadores de Europa e Iberoamérica analizan en Santiago o papel do SwL no ámbito educativo

Luns, 1 Setembro 2008

EdutecPreto de 300 docentes procedentes de toda Europa e Iberoamérica danse cita dende hoxe até o vindeiro venres na Rede, para analizar o desenvolvemento das novas tecnoloxías aplicadas á educación, no marco do Congreso Edutec.

Este evento, baixo o lema “As TIC ponte entre culturas; Iberoamérica e Europa”, terá tamén carácter presencial, coa exposición de diversos relatorios na Facultade de Ciencias da Educación en Santiago de Compostela a partir do mércores até a data de clausura do congreso (3-5 setembro).

Entre un total de duascentas comunicacións, o Software Libre será un dos aspectos básicos que se levarán a debate, en relación ao papel que están a adquirir as comunidades virtuais na promoción de desenvolvementos colectivos de aplicacións e servizos de carácter libre e aberto. Ademais, realizaranse obradoiros de introdución a ferramentas de código aberto como [[Jclic]], [[Moodle]], [[Drupal]]…

As Xornadas Edutec, organizadas polo Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa do departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC e maila área de e-Learning do Centro de Supercomputación de Galicia(CESGA), dependente da Consellaría de Innovación e Industria, teñen como propósito promover a difusión de todas as experiencias de investigación e mellora educativa apoiadas nas TIC.

Esta dinámica servirá para orientar o deseño de novas propostas de uso dos medios en todos os ámbitos da formación e para reflexionar sobre como crear unha sociedade máis aberta e participativa. A modalidade de desenvolvemento presencial e virtual do congreso está orientada a acadar a maior participación posible entre os educadores foráneos.

As xornadas presenciais do Congreso Edutec inauguraranse o vindeiro mércores 3 ás 11:00 horas no Colexio de Fonseca cun acto oficial presidido polo reitor da USC Senén Barro.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal