
A Consellería de Innovación e Industria
colabora con Igalia nun proxecto para o desenvolvemento de Software Libre adaptado a dispositivos móbiles. O obxectivo deste proxecto de investigación é mellorar os servizos ao usuario como o navegador web, o xestor de correo e as aplicacións multimedia e contribuír ao desenvolvemento de aparatos portátiles asociados ás redes sen fíos.

Igalia, empresa de enxeñería con sé na Coruña, é quen está a levar a cabo este proxecto para o que conta co respaldo da Consellaría de Innovación e Industria, que lle concedeu unha axuda de 56.250 euros a través do Programa de Sociedade da Información do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (incite). O traballo estará rematado a finais de 2008.
Para concretar os obxectivos, Igalia céntrase en tres liñas de traballo: a plataforma de desenvolvemento xeral (que inclúe tecnoloxías base para a creación de aplicacións), aplicacións para o usuario e a xestión de calidade nos proxectos.
No que se refire á plataforma de desenvolvemento xeral, o traballo baséase na creación e adaptación de bibliotecas reutilizables.
O segundo obxectivo é o desenvolvemento e adaptación de aplicacións para o usuario axeitadas e pensadas para funcionar nun entorno móbil, como son o navegador, o cliente de correo e as ferramentas multimedia.
Finalmente, como terceiro obxectivo, durante o traballo adaptaranse e proporanse novas ferramentas de enxeñaría que se engadirán aos resultados do proxecto. Ao igual que nas outras liñas, o traballo neste ámbito farase desde o punto de vista do Software Libre e desde dentro da comunidade, en cooperación con empresas e grupos de usuarios que teñen as mesmas necesidades.