A compañía Google acaba de anunciar que está preparando un sistema operativo “lixeiro e de código aberto pensado para netbooks”, Chrome OS, que podería estar accesíbel na segunda metade de 2010. Trátase dunha iniciativa, independente de Android, pensada neste caso para netbooks e equipos de sobremesa.
A velocidade, a sinxeleza e a seguridade son os tres aspectos claves que destacan os seus desenvolvedores sobre este sistema operativo. Así, do mesmo xeito que fixeron xa co navegador Chrome, a interface de usuario será mínima, porque, segundo entenden, “a maior parte da experiencia de usuario desenvólvese na Rede”.
No blog da compañía explícase que con este sistema operativo Google quere aplicar a súa filosofía de escoitar ás persoas. “Recibimos moitos comentarios dos nosos usuarios e todos coinciden basicamente en que lles gustaría mellorar a súa experiencia co ordenador. Por exemplo, gustaríalles poder acceder ao seu correo electrónico inmediatamente, sen perder o tempo esperando a que o ordenador arranque e a que o navegador se abra; que os seus ordenadores fosen sempre tan rápidos como o primeiro día; que puidesen acceder aos seus datos desde calquera lugar, sen ter que preocuparse de facer copias de seguridade ou de perder o ordenador”, din.
Google Chrome OS
Google Chrome OS será un sistema operativo que se executará en procesadores ARM e X86. Ademais, dende a compañía anúnciase que xa se está a colaborar con fabricantes de computadores para presentar unha serie de netbooks no mercado o ano que vén. A arquitectura do software é simple: “trátase de executar Google Chrome nun novo xestor de xanelas sobre un kernel de Linux”.
Todos os aplicativos baseados na web funcionarán automaticamente e permitirán crear novas ferramentas utilizando a tecnoloxía web que os desenvolvedores prefiran. Por suposto, estes aplicativos non só se executarán no sistema operativo Google Chrome, senón tamén en calquera navegador estándar de Windows, Mac e Linux, de forma que os programadores contarán cunha base de usuarios potenciais moito maior.
Fonte: BrandLife
