O fundador de GNU España e principal desenvolvedor de varios aplicativos libres como GNU Ferret ou GNU Ghostscript, Jose E. Marchesi, será un dos relatores do curso de Emacs que, dende o 27 de abril até o vindeiro 1 de maio terá lugar no Edificio Politécnico do Campus de Ourense. Esta iniciativa, promovida polo Grupo de Usuarios de GNU/Linux de Ourense, GULO, ten como obxectivo achegarlles aos asistentes coñecementos avanzados sobre este editor de textos de gran popularidade entre programadores informáticos e outras persoas usuarias avanzadas.
O curso ofrece un extenso e detallado programa con afán de se converter nun curso de referencia. Tanto é así que os propios organizadores o denominan “The ultimate Emacs Course”.
A materia impartirase en xornadas intensivas de dúas sesións, de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00, con dous descansos de 30 minutos cada unha.
A inscrición ten un custo de 50 euros, que poden reducirse a 20 con subvención. Os fondos recadados investiranse, ademais de en sufragar o material e os gastos dos relatores, nunha doazón á Free Software Foundation.
Fonte: Edu GULO
