Mancomún

Liberado KDE 4.2 e xa accesíbel integramente en galego

Xoves, 29 Xaneiro 2009
KDEA comunidade de KDE anunciou recentemente a publicación da súa nova versión 4.2, nomeada “a resposta”. Esta terceira versión do contorno de escritorio libre KDE trae unha morea de novas características e, o que é fundamental, unha maior estabilidade. Como en anteriores ocasións, os integrantes da comunidade galega de KDE poden empregar xa en galego a nova versión grazas ao labor de localización realizado por tradutores do proxecto Trasno.

A diferencia das anteriores publicacións, orientadas fundamentalmente aos entusiastas deste contorno de escritorio libre, a nova versión ofrece unha opción atractiva e accesíbel para a maioría das persoas usuarias finais. Así o manifesta o propio equipo de desenvolvemento de KDE, que nesta ocasión puxo especial enfase en ofrecer unha interface de escritorio mellorada, en acadar un avance na eficacia dos aplicativos integrados e en permitir acelerar o desenvolvemento.

As novidades poden ser lidas con detalles na Guía visual de KDE 4.2. Asemade a páxina de información sobre esta versión ten ligazóns ao código fonte e os paquetes binarios dispoñíbeis.

Localización de KDE 4.2

A tradución ao galego de KDE 4.2, que se integrou dende o primeiro momento da súa publicación ao 100%* , cóntase entre os preto de 20 idiomas que conseguiron sobrepasar o 80% das cadeas localizadas e que, en palabras de Miguel Branco, tradutor do grupo Trasno, “representa todo un éxito”. Ademais, 53 idiomas máis traduciron os paquetes esenciais.

Con estas cifras KDE 4.2 engadiu varios novos idiomas, ampliando o número de persoas para os que o contorno de escritorio está dispoñíbel no seu idioma materno uns 700 millóns. Entre os novos idiomas engadidos están o árabe, islandés, vasco, hebreo, romanés, taxico ou varios idiomas indios (bengalí, guxaratí, canarés, maithili, maratí), o que indica un aumento de popularidade nesta zona de Asia.

A localización ao galego correu da man de tradutores de Trasno coma Marce Villarino -coordinación, tradución e corrección-, Xosé -labores de documentación- e Miguel Branco. En palabras do propio Miguel Branco, “a tradución de KDE 4.2 está mellorada pois con ela empezamos a revisar traducións, que se converteran nunha superposición de estratos de tradución con diferentes estilos e diferentes normas feitas en diferentes anos (2000-2009)”.

“Aínda que o traballo é de momento incompleto”, continúa explicando, “subsana unha boa cantidade de erros ortográficos e de coherencia terminolóxica que había, polo que espero que avancemos en sucesivas versións a este respecto”.

Por outra banda, Miguel Branco opinou a través da rolda de  localización ao galego de software libre, g11n, que “debido ao cambio nas licenzas en KDE e Qt e a este novo lanzamento moito máis estábel será difícil que KDE sexa ignorado por proxectos, por exemplo, coma Galinux”. A este respecto, e aínda que Mancomún ten manifestado en diversas ocasións o seu apoio a comunidade de KDE, a política de desenvolvemento do Centro tense vencellado habitualmente ao escritorio libre GNOME, no que está baseado o Galinux

___________

* en l10n.kde.org móstrase un 98% que se debe a que tras o lanzamento de KDE 4.2 abriuse de novo a inclusión de novas cadeas para traducir que se incluirán nas sucesivas actualizacións de KDE 4.2.x. A KDE 4.2.0 está no 100% real.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal