O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, Mancomún, estará mañá presente no Pazo da cultura do Concello de Carballo co propósito de achegar aos asistentes ao IV Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, Traballando en Lingua a temática do Software Libre. O coordinador de Mancomún, Xesús M. Benítez Baleato, afondará na cuestión impartindo un relatorio no que vinculará lingua e tecnoloxías abertas.
Este curso, que comezou hoxe e se prolongará até o vindeiro día 17 de xullo, está organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña coa colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Carballo, a Cooperativa Tagen Ata e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
Nesta edición, os contidos centraranse na relación entre a alfabetización tecnolóxica e a extensión dos usos da lingua. Proporase realizar unha reflexión do protagonismo das novas tecnoloxías na sociedade actual e por tanto en todo o que ten que ver coas linguas, co seu uso, co seu prestixio e mesmo coa súa actualización.
Neste contexto de aplicación das novas tecnoloxías á normalización lingüística, darase especial atención ao Software Libre e ás oportunidades que este brinda para a dinamización da nosa lingua no eido das TIC e por extensión na vida cotián.
Ligazón ao programa completo.
